Lete Lasa participa na presentación da XIX Edición da Vilagarcía Basket Cup

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioDeportesVilagarcía de Arousa
A-
A+
Presentación da Vilagarcía Basket Cup

Presentación da Vilagarcía Basket Cup

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da XIX Edición da Vilagarcía Basket Cup, celebrada no Pazo de Rubiáns. Na súa intervención, felicitou ao Club Baloncesto Vilagarcía, organizador da competición, así como ás empresas e entidades que a apoian, por ensinar que “cando un proxecto deportivo se deseña de modo atractivo e se xestiona con profesionalidade, o proxecto consolídase e é capaz de superar as dificultades derivadas do contexto económico dos últimos anos”.

O secretario xeral mostrou a súa satisfacción especial pola recuperación do torneo internacional, no que se disputará un triangular entre as seleccións nacionais sub-17 de España e Francia e a sub-18 de Arxentina, o que “sen dúbida, será un importante aliciente para que as bancadas de Fexdega se enchan de veciños e visitantes”.

Indicou que este tipo de encontros aumentan o atractivo de localidades como Vilagarcía de Arousa e a súa ría, “tan apreciada polos galegos e polo mundo enteiro”. “Esta é unha nova ocasión para que nos visiten e para dinamizar o comercio e a hostalaría da zona”, engadiu.

Logo de lembrar o interese que esperta o baloncesto en Galicia, un deporte que conta con máis de 13.000 licencias, 203 clubs e un importante peso do deporte feminino (45 por cento das licencias), Lete Lasa destacou a importancia de eventos como o Vilagarcía Basket Cup e os actos programados en Galicia con motivo da Copa do Mundo de Baloncesto FIBA que acollerá España no verán, xa que contribúen ao crecemento da práctica desta modalidade deportiva entre os galegos, pequenos e adultos, e polo tanto ao contaxio dos seus valores.

Na presentación da proba participaron ademais o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, o presidente da Vilagarcía Basket Cup, Alberto Blanco, a deputada provincial de Xuventude e Deporte, Begoña Estévez, e o padriño desta edición da copa, o adestrador e ex xogador de baloncesto Zan Tabak.

A Vilagarcía Basket Cup celebrarase desde o 16 ao 19 de abril, no recinto feiral Fexdega en Vilagarcía de Arousa, e nela está prevista a participación de 114 equipos das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete e júnior. Ademais dos galegos, haberá equipos de Castela-León, Madrid, Asturias e Portugal.

Este ano recupéranse tamén os contidos lúdicos do torneo de minibasket na categoría de benxamín, como complemento á parte competitiva e formativa.

Os partidos do torneo de seleccións nacionais terán lugar os seguintes días, ás seis da tarde:

Mércores 16, España-Arxentina
Xoves 17, Arxentina-Francia
Venres 18, España-Francia

Entre as empresas patrocinadoras da XIX Edición da Vilagarcía Basket Cup figuran Novagalicia Banco, Gadisa, Coca Cola e Pazo de Rubiáns.

2 de abril de 2014 | 13:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.