Lete Lasa destaca as oportunidades do financiamento europeo para o deporte galego

Intervención de Lete Lasa nas xornadas sobre financiamento. Foto: X. Crespo
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou hoxe as novas oportunidades que ofrece o financiamento europeo no ámbito deportivo e animou a todos os axentes públicos e privados implicados no desenvolvemento da actividade física e o deporte en Galicia a aproveitar esta vía para o crecemento e fortalecemento do sector.
Lete Lasa realizou estas manifestacións na inauguración da I Xornada sobre financiamento europeo para proxectos de fomento da actividade física e do deporte, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, a Fundación Galicia Europa e a Escola Galega de Administración Pública.
Na súa intervención, Lete Lasa subliñou a importancia da posta en marcha do primeiro programa específico de financiamento do deporte incluído no novo programa da UE de educación, formación, xuventude e deporte 2014-2020.
Concretamente, baixo o programa Erasmus+ recóllese unha liña orzamentaria específica á que se destinan arredor de 265 millóns de euros en sete anos (2014-2020), prestando apoio, entre outros puntos, a proxectos transnacionais nos que participen organizacións de deporte de base, ou promovendo, por exemplo, o bo goberno, a inclusión social, as carreiras duais e a actividade física para todos.
Segundo datos do Eurobarómetro da Comisión Europea publicado o pasado 24 de marzo, España sitúase nun punto intermedio en canto á actividade deportiva, cun 44% de persoas que nunca practican deporte, fronte ao 9% dos suecos ou o 14% dos daneses e, noutro extremo, fronte ao 78% dos búlgaros e o 60% dos italianos.
O secretario xeral subliñou o interese das autoridades europeas en “estender a práctica da actividade física como ferramenta clave na saúde e o benestar dos cidadáns”. Con este mesmo obxectivo, lembrou que a Xunta, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, está a desenvolver o Plan Galicia Saudable “que comeza a dar os seus froitos e no que é fundamental o traballo coordinado e constante entre os axentes públicos e privados”.
Xornada da EGAP
A xornada celebrada hoxe na EGAP pretendeu informar ao sector deportivo sobre as diferentes posibilidades de financiamento europeo para actuacións no ámbito da actividade física e o deporte e potenciar a creación de redes de traballo no desenvolvemento de proxectos.
Está dirixida principalmente aos promotores públicos e privados de actuacións de fomento da actividade física e do deporte en Galicia, como os concellos, os centros educativos, as federacións, os clubs e os xestores deportivos, así como os investigadores e o público en xeral, e nela inscribíronse 250 persoas.











