Lete Lasa destaca a contribución dos profesionais da medicina deportiva no fomento da actividade física saudable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+
Lete Lasa na xornada sobre medicina deportiva

Lete Lasa na xornada sobre medicina deportiva

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, agradeceu hoxe aos profesionais da medicina deportiva o importante papel que xogan na atención aos deportistas e a todas as persoas que realizan exercicio físico como fonte de benestar e de calidade de vida.

Na inauguración da Xornada sobre Medicina Deportiva celebrada no Colexio de Médicos de Vigo, Lete Lasa indicou que os avances nos tratamentos de patoloxías asociadas á práctica deportiva, así como o fomento da axeitada nutrición e a medicina preventiva, “contribúen á promoción dunha sociedade más deportista e activa, é dicir, máis saudable”.

O secretario xeral para o Deporte afirmou que a Xunta de Galicia comparte este mesmo obxectivo, a través do Plan Galicia Saudable que desenvolve o seu departamento en resposta ás altas porcentaxes de sedentarismo das sociedades modernas, un dos principais factores de risco na aparición de enfermidades crónicas non transmisibles.

Na actualidade, o Plan conta con 441 entidades públicas e privadas adheridas. Entre elas inclúense 284 concellos, o que permite achegar os beneficios do Plan a unha poboación potencial de 2,8 millóns de habitantes, é dicir, ao 80% dos galegos.

Ademais, no curso 2013-2014 Galicia Saudable está presente en 228 centros educativos de Galicia, a través de tres programas de innovación educativa enmarcados no Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación, que son o Proxecto Deportivo de Centro, Máis e Mellor Actividade Física, e o programa Xogade. Tendo en conta o alumnado destes centros, un total de 8.345 alumnos poden participar no Plan, fronte aos 6.797 alumnos do curso anterior.

Paralelamente, Galicia Saudable segue desenvolvendo ferramentas que axudan a promover e mellorar a práctica de actividade física na comunidade. A plataforma DAFIS, creada para recoller e xestionar datos de actividade física saudable, está operativa desde decembro de 2013 e comezou a implantarse en diversos centros educativos, mentres que Galicia Activa, a plataforma xeorreferenciada de recursos deportivos, conta xa con 1.378 xestores externos e 1.762 instalacións deportivas publicadas, e está previsto seguir a súa implementación polo alto potencial que ofrece para a promoción do deporte e a difusión do crecente número de actividades que se celebran en todas as localidades galegas.

Durante o pasado ano, o Plan Galicia Saudable participou en diversos foros internacionais como o XX Congreso Europeo contra a Obesidade celebrado en Liverpool, onde se debateron estratexias de prevención e tratamento da obesidade, e na XI edición da Open Day Bruselas, que anualmente promove a Unión Europea e na que se expuxeron as liñas de traballo de Galicia Saudable en materia de envellecemento activo.

Pesar polo falecemento do Dr. Juan José Crespo

No transcurso da inauguración, o secretario xeral para o Deporte lamentou a recente perda do doutor Juan José Crespo, médico do real Club Celta de Vigo entre os anos 2004 e 2007, e profesor na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, que faleceu o pasado 31 de marzo. “Deixounos a todos un exemplo inesquecible de rigor profesional, de traballo incansable, de compromiso e de proximidade. Queda intentar seguir traballando cos seus mesmos principios e actitude, será a nosa mellor homenaxe e agradecemento”.

Xornada sobre Medicina Deportiva

A Xornada sobre Medicina Deportiva celébrase ao longo do día de hoxe no Colexio de Médicos de Vigo e está organizada polo Hospital Nuestra Señora de Fátima, GEPES e a Clínica Arthros, baixo a dirección do deportista Fernando Rey Tapias e os doutores Carlos Irisarri Castro, José Manuel Otero Vich e Ángel Quirós Infiesta.

Nela abórdanse aspectos como o recoñecemento médico, a nutrición, a medicación do deportista, diversas patoloxías asociadas á actividade deportiva e os avances no tratamento de lesións músculo-esqueléticas, coa participación de expertos en cada materia así como de deportistas que contarán a súa experiencia ao sufrir lesións que foron obxecto de cirurxía.

4 de abril de 2014 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.