Juancho Armental: “O adestrador axudante ten unha función moi relevante, e este clínic proxecta esta idea con rigor”

Juancho Armental
Juancho Armental, director xerente do grupo Arestora Consultores, é actualmente un dos nomes máis importantes no terreo da psicoloxía deportiva e do coaching para o rendemento. En constante renovación da súa propia formación tanto en psicoloxía como en coñecemento deportivo, Armental participará agora como relator no II Clínic ‘Desmontando ao adestrador axudante’ realizado polo Rio Natura Monbus, e que se celebrará o 18 e 19 de xullo no Concello de Boiro.
Até que punto a psicoloxía xoga un papel importante no deporte? Pode ser a diferenza entre gañar ou perder un partido?
Penso que a psicoloxía xoga un papel fundamental na vida das persoas, non só no deporte, pero non creo que con transcendencia vital nos resultados. Desde a miña óptica, a súa influencia é clave para o rendemento, pero non para os resultados en si, que son froito de demasiadas causas e non dunha única. Como di unha das miñas referencias no noso campo: “Non todo é psicoloxía, aínda que si é certo que a psicoloxía está en todas partes”.
Cal é, entón, a súa influencia no baloncesto en concreto?
En deportes de equipo como o basket, onde a prioridade é tomar decisións acertadas, a destreza psicolóxica ten un peso importante. Do mesmo xeito, en deportes prioritariamente físicos ou técnicos si non tes habilidades psicolóxicas suficientes tampouco adoitan existir moitas opcións.
A psicoloxía é un dos aspectos menos recoñecidos polo público xeral, pero con todo cada día é un dos ámbitos que máis tratan os corpos técnicos…
Eu creo que o público quizais non o recoñeza conscientemente, pero sabe perfectamente que é un elemento inherente a calquera conduta, incluídas as deportivas. É máis, a todo afeccionado emociónalle cando un xogador manifesta sangue frío, intensidade mental, velocidade no xogo, concentración defensiva, etcétera.
Cales son as claves sobre as que vai virar o seu relatorio no II Clínic ‘Desmontando ao adestrador axudante’?
Creo que será importante que os segundos adestradores ou directivos de empresas que asistan reflexionen acerca do seu rol real e o rol do seu adestrador principal (superior directo) dentro dos seus equipos, así como sobre a transcendencia das súas achegas, tanto positivas como negativas. Figuradamente, haberá que meter o bisturí nos quistes máis frecuentes e encher o botiquín dos medicamentos apropiados cos seus prospectos actualizados. Non espero cambiar a ninguén o seu punto de vista; confórmome con que me escoiten e reflexionen.
Supoño que considerarás este tipo de iniciativas importantes. Habitualmente hai clínics para primeiros adestradores de baloncesto, pero non tan habitualmente hainos que se centren na figura do axudante…
Ademais de innovador, este clínic paréceme un acerto enorme por parte de Rio Natura Monbus, ademais de outra achega desinteresada ao deporte en xeral e ao baloncesto en particular. En dez ou quince anos emerxerán cursos de segundos adestradores en deportes como o fútbol e poucos lembrarán que Moncho, Víctor, Gonzalo e compañía puxeron esta primeira pedra ao recoñecer unha necesidade que todo o mundo obviaba aínda téndoa diante dos nosos ollos. O adestrador axudante ten unhas competencias moi relevantes, e este clínic proxecta esta idea con rigor.











