José Luis Mateo recibe o premio a “Mellor Director Deportivo” de 2013 na 26ª gala Gigantes del Basket
O director xeral e deportivo do Rio Natura Monbus, José Luís Mateo, foi galardoado -na vixésimo sexta edición dos premios Gigantes del Basket- como Mellor Director Deportivo do ano 2013, premio que recoñece o seu labor de xestión na primeira liña do club santiagués.
Acompañado polo presidente do club, Raúl López, e polo vicepresidente, José Ramón García, Mateo agradeceu na gala o recoñecemento “a todos os que fixeron posible este premio, individual, pero cun marcado acento colectivo. Gustaríame compartilo coa miña familia, apoio fundamental no modo de vida que levamos; cos empresarios que forman o Consello de Administración do club, de quen recibimos moita confianza; con todos os membros do equipo técnico do equipo, en especial Moncho, Gonzalo e Víctor, que entenden a realidade do club, fana súa e son parte fundamental no desenvolvemento e a mellora dos xogadores que traemos; coa xente da oficina, que me axudan a ser mellor cada día; e, por suposto, cunha afección especial que coa súa maneira de vivir o club pon moitos granitos de area para que os xogadores estean a gusto e ofrezan un bo rendemento”.
A sala TClub de Madrid acolleu esta edición do acto, ao que acudiron medio milleiro de personalidades do mundo do baloncesto e que repartiu trofeos en vinte e tres categorías diferentes, a estrelas do baloncesto como Nikola Mirotic, Guillem Vives, José Luís Abós, Nacho Martín, Wayne Brabender, Lucas Nogueira, Urko Otegui, Amaya Valdemoro, Brad Oleson, Felipe Reyes, Sergio Rodríguez ou Carl English ou Marc Gasol.
Non faltou tampouco a representación institucional, encabezada polo presidente de honra da ACB (Eduardo Portela), que estivo acompañado polos seus homólogos da Federación Española de Baloncesto (José Luís Sáez), da Asociación de Baloncestistas Profesionais (Alfonso Reyes) e da Asociación Española de Adestradores de Baloncesto (Joan María Gavaldá).











