Jaime Lusquiños do Real Club Náutico de Vigo leva o Trofeo Granitos Ibéricos en Optimist

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

A segunda xornada do Trofeo Granitos Ibéricos deparou cambios absolutos en todas as clases e categorías, cun Jaime Lusquiños que, por tan só dous puntos de diferenza, arrebatoulle o liderado do campionato ibérico á súa compañeira do equipo de regatas do Real Club Náutico de Vigo, María Diz. Terceiro foi o regatista do Clube Naval de Cascais, André Serra, con outros tantos puntos de diferenza respecto de Diz.

Nas categorías B e C os vencedores foron, na primeira delas, o luso Alex Baptista, do Clube de Vela da Costa Nova, e no segundo Víctor José González, do Real Club Náutico Rodeira de Cangas.

Éxito do club anfitrión na clase máis numerosa das convocadas no VII Trofeo Granitos Ibéricos, o Láser, con dous postos dourados e unha prata nos tres caixóns do podio correspondentes aos 4.7, Radial e Standard. Na modalidade máis xuvenil, o 4.7, o campionato ibérico foi o catalán Jordi Juliá Forteza, do Club Nautic A Rapita, sendo o segundo posto para Tirso Cerqueira, que representa ao Club Marítimo de Canido. Terceiro foi Henrique  Brites, do Clube Naval Cascais.

En Radial o título ibérico foi para Alberto Basadre, en dura pugna co segundo clasificado, o luso Nuno Duarte, do Clube de Mar de Coimbra, empatados a 13 puntos sendo, do mesmo xeito que o 4.7, o average o encargado de desfacelo. Terceiro foi Esteban Martínez do Outeiro, do Real Club Náutico da Coruña.

En canto ao Láser Standard, o Club Marítimo de Canido levou tamén nesta modalidade o Trofeo Granitos Ibéricos e, por conseguinte, o Campionato Ibérico, grazas aos resultados obtidos hoxe por Álvaro Franco. Segundo foi o representante do Real Club Náutico Portosín, Daniel Álvarez, sendo terceiro o que rexentaba a titularidade da listaxe da clasificación, o angoleño Manuel Lelo, do Clube Naval de Luanda.

A entrega de premios tivo lugar na terraza do Club Marítimo de Canido, un acto que contou coa presenza de Vicente Carneiro, Director Xeral de Granitos Ibéricos; Mauro Olmedo, presidente do Marítimo; José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia; José María Suárez Chairos, Xefe de Salvamento Marítimo en Vigo; Manuel Villaverde, presidente da Federación Galega de Vela e Alfonso Pestanha, delegado da Federación Portuguesa de Vela, entre outras autoridades. Un momento especial da entrega foi a homenaxe que o Club Marítimo de Canido quixo render á figura de Alberto Tornei, falecido recentemente e que contou coa presenza do seu pai. Tornei foi un dos promotores da clase Láser no club.

O VII Trofeo Granitos Ibéricos foi posible grazas á colaboración das Federacións Galega, Portuguesa e Real Española, Xunta de Galicia, Deporte Galego, Portos de Galicia, Concello de Vigo, Proteccion Civil, Policía Local, Coca Cola, Sailway, GADIS, Tuypan e Bicasco.

28 de abril de 2014 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.