Instalaranse dous pasos de peóns elevados na avenida de Pontevedra en Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Operarios da empresa encargada do mantemento da estrada autonómica PO-532 comezaron esta mañá a instalación de 2 pasos de peóns elevados na Avenida de Pontevedra en Ponte Caldelas, tal e como lle solicitou o Alcalde nunha reunión que mantivo co Delegado Territorial da Xunta José Manuel Cores Tourís o pasado mes de xaneiro.

Os 2 pasos de peóns que serán elevados están situados un deles á entrada do centro urbano e o outro na intersección da Avenida de Pontevedra coas rúas Brasil e Concepción Arenal.

A Avenida de Pontevedra (tramo urbano da carreta autonómica PO-532) constitúe un eixo transversal do núcleo urbano de Ponte Caldelas con moito tráfico e que tamén se atopa transitado por gran número de peóns que teñen que cruzala para dirixirse á zona escolar onde de sitúan a gardaría municipal, a ludoteca, o CEIP Cordo Boullosa, o Instituto e o principal parque infantil da vila. Os vehículos que veñen de Pontevedra en dirección cara a Ponte Caldelas, adoitan facelo a gran velocidade ao ser costa abaixo, sen reparar en que se trata dun tramo urbano e sen respectar en moitos casos os pasos de peóns existentes. Con esta actuación conséguese reducir a velocidade dos vehículos no centro urbano, gañando con iso en seguridade viaria para os peóns.

Recentemente tamén a petición de Perfecto Rodríguez xa se elevaron os pasos de peóns nas rúas da Ponte e López Boullosa aproveitando a reforma da carreta autonómica PO-255 entre Ponte Caldelas e Caritel. Ademais o Concello tamén acometeu en diversas rúas da localidade de competencia municipal a creación de pasos sobre elevados como recentemente a Avenida de Vigo.

O alcalde, Perfecto Rodríguez, agradece as xestións do  Delegado Territorial Cores Tourís para acometer esta mellora na seguridade viaria na estrada autonómica PO-532 (Avenida de Pontevedra) ao seu paso polo centro urbano de Ponte Caldelas, xa que estudos recentes aseguran que pór pasos de peóns sobre elevados diminúe a velocidade dos vehículos e aumenta a seguridade dos peóns nestes tramos urbanos.

29 de abril de 2014 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.