Inícianse en San Sadurniño as obras de urbanización do contorno do Pazo da Marquesa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Quen entre no centro urbano de San Sadurniño vindo do lado de Ortigueira ha notar algo cambiado o contorno do Pazo e do edificio anexo. É máis, seguramente verá mellor os dous edificios, despois de que unha escavadora acabase de tirar os muros a medio caer da antiga queixería. Este luns comezaron os traballos de urbanización da zona, que prevén construír un aparcadoiro e adecentar os arredores do Pazo despois de meses de obras.

Construcciones Guerreiro Somozas S.L. é a encargada de acondicionar o recinto tras lograr o contrato cunha oferta lixeiramente superior aos 60.000 euros e un prazo de execución de dous meses. As actuacións programadas buscan mellorar a accesibilidade e o aspecto do espazo común que rodea o Pazo da Marquesa e o edificio anexo.

A solución técnica recolle a construción dun aparcadoiro na zona leste do antigo colexio das monxas lindando coa estrada de Ortigueira e coa de Ferreira. Os planos reflicten unha área de estacionamento con capacidade para 35 vehículos que lle dará servizo aos dous edificios públicos e que, ao mesmo tempo, axudará a desconxestionar as beiravías do centro urbano.

Canda esta intervención, a segunda grande parte do proxecto céntrase na urbanización do perímetro do edificio anexo e máis do Pazo. Os accesos comúns irán enlousados mentres que a parte sur da zona nova levará unha área vexetal que sirva de conexión cos xardíns do Pazo.

O Concello busca deste xeito recuperar todo o contorno inmediato da futura casa consistorial que se viu afectado por meses de traballos nos dous edificios. De feito, a urbanización suporá na práctica o remate das intervencións exteriores en todo o conxunto arquitectónico.

De momento as obras finánzanse integramente con fondos municipais. Con todo, o Concello agarda sufragar parte do custe por medio das axudas autonómicas para a mellora de infraestruturas públicas. 

14 de abril de 2014 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.