Inícianse as reunións para debater sobre o Código Ético da Deputación de Ourense
Na Deputación de Ourense comezaron hoxe as reunións de traballo que se prolongarán por espazo de tres días para analizar e debater sobre o que será o primeiro Código Ético co que conte un goberno provincial en España, proposta formulada polo presidente provincial, Manuel Baltar, quen hoxe se reuniu cos tres portavoces dos grupos políticos no ente provincial, PP, PSOE e BNG.
O remate da xuntanza Manuel Baltar afirmou que o análise e debate do documento seguirá adiante como está previsto, para que o Código Ético poida ser aprobado como se prevé no pleno do presente mes de abril. “O partido socialista, que votara a favor da elaboración do código, di que hai cuestións “innegociables”, nun grupo de traballo que se crea precisamente para negociar, e por parte do BNG, din que para que coñezamos as súas achegas, que ata o momento teñen sido cero, deberíase “forzar” a dimisión dos deputados que actualmente están imputados nalgún proceso. Evidentemente ese é un xogo político demagóxico que non entra na forma de pensar deste presidente nin da formación política á que pertence”.
Baltar aclarou que non hai ningún deputado imputado por cuestións derivadas do exercicio como deputado provincial, “e nestes temas temos que ser moi prudentes porque recentemente tivemos o caso dun alcalde que, logo de estar imputado, foi absolto e a posición do grupo de goberno é a que defende o estado de dereito: a presunción de inocencia, e un deputado non o é máis ou menos deputado en función da súa situación procesual”. “Un código ético dunha institución non é un código penal”, resaltou Baltar, “e estas cuestións teñen que regularse a través dos códigos éticos das propias formacións políticas”.
Manuel Baltar subliñou que na pasada Conferencia de presidentes de gobernos provinciais, que se celebrou días pasados en Ourense, moitos dos presidentes, incluídos algúns representantes de gobernos socialistas, “solicitáronme o texto da moción de Presidencia que hoxe serve de base para redactar o código ético que terá a Deputación de Ourense”.
En opinión do presidente provincial, a pesares de que a oposición non quere contar con código ético na deputación “seguiremos adiante coa tramitación porque este é un tema do que non se debe sacar tallada política senón pensar exclusivamente no funcionamento que rixe a ética e a conduta da institución provincial”.
O código ten como obxectivo regular as normas éticas de referencia para os cargos electos e o persoal ao servizo da administración provincial, e procurar un comportamento profesional, ético e responsable, contribuíndo deste xeito a reforzar a aposta pola calidade democrática e a rexeneración do sistema institucional, establecendo mecanismos para incentivar o seu cumprimento. En definitiva, configurar unha ética pública común que evite a mala xestión e sirva para xeneralizar as boas prácticas.
O Código Ético da Deputación de Ourense circunscríbese só ao ámbito institucional, fronte a outros códigos éticos de ámbito político que abranguen aspectos referidos ás formacións políticas e os seus dirixentes.
Manuel Baltar afirma que é innegable que vivimos nos últimos tempos “unha importante desafección cidadá cara a política e ás institucións, públicas e privadas, administracións e altas maxistraturas do Estado ou entidades representativas da sociedade civil. A erosión da confianza da cidadanía na actividade política tense manifestado dun xeito evidente, o que obriga a institucións, aos partidos políticos e a representantes públicos a multiplicar esforzos para pór en valor a política e a súa funcionalidade para unha sociedade democrática nuns momentos particularmente complexos”.
Baltar considera que os representantes institucionais debemos, por tanto, “redobrar esforzos por restablecer o valor da política local e recuperar a confianza da cidadanía”. Neste contexto de maior esixencia pública, explica, “a política local en Ourense require un reforzamento do compromiso efectivo coas veciñas e veciños, un apuntalamento e exteriorización efectiva dos valores públicos, dos estándares de conduta e da actitude moral dos cargos públicos locais. E a esa finalidade atende esta proposta da presidencia do goberno provincial”.











