III Xornadas de Fotografía en Verín dedicadas á ‘Iniciación e Retoque’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Dende o Concello de Verín promóvese a realización das terceiras xornadas de fotografía, na especialidade de iniciación e retoque, durante o fin de semana do 26 e 27 de abril.

Devanditas xornadas, cun número de prazas limitadas, serán impartidas polos fotógrafos verinenses Borys Martínez e Sergio Crespo, e nelas analizaranse cuestións como manexo dunha máquina fotográfica (distancia focal, apertura de diafragma, tempo e velocidade de exposición, sensor e sensibilidade, obxectivo, exposición, enfoque, profundidade de campo ou medición da luz, entre outros conceptos) e retoque fotográfico (retoque de imaxes mediante programas informáticos).

Durante o sábado 26, de 11 a 13 horas, na aula CeMIT do Concello de Verín (situada na Casa da Xuventude) terá lugar unha clase teórico-practica para as persoas que se inicien no mundo da fotografía, e profundar coas que xa teñen un nivel avanzado, e a partir das 17 horas, os/as participantes realizarán unha saída fotográfica ao Balneario de Cabreiroá e arredores. E xa o domingo 27, de 11 a 13 horas, impartirase unha clase de retoque fotográfico na aula CeMIT do Concello de Verín.

Para participar nesta iniciativa é necesario contar cunha cámara de fotos con controis manuais, así como inscribirse nos Servizos Sociais do Concello de Verín (Casa da Xuventude. Avenida de Portugal 11 bis, 988-414776), ou en Naturhouse, (R/ Doutor Pedro González, 988-413321). O abono de devandita formación gratuíta realízase a través da entrega de donativos solidarios (como alimentos non perecedoiros, material escolar, libros ou xoguetes, entre outros), que serán entregados por Servizos Sociais ás persoas que os necesiten.

16 de abril de 2014 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.