I Memorial Henrique Otero Covelo en Vigo
O vindeiro xoves 24 de Abril ás 20.00 horas a cidade de Vigo acollerá o primeiro memorial na honra de Henrique Otero Covelo. Este acto, que está organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos e o Conservatorio Superior de Música de Vigo, será aberto e terá lugar no auditorio do citado Conservatorio, sito na Rúa Manuel Olivié 23 – O Castro – Vigo.
Cando se cumpre un ano do pasamento de D. Henrique Otero, a Asociación de Gaiteiros Galegos e o Conservatorio Superior de Música de Vigo queren amosar o recoñecemento do valor patrimonial que a vida e a obra do mestre Otero significa para a nosa cultura. Este I memorial é o punto de inicio dun camiño que permitirá realzar e descubrir constantemente a obra deste senlleiro personaxe da música galega sen par.
Henrique Otero deixou no seu legado o seu traballo como impulsor do ensino académico da gaita (sendo o primeiro profesor da historia deste instrumento nun conservatorio), foi o primeiro gaiteiro que editou un método para o seu aprendizaxe e o primeiro que logrou formar unha banda de gaiteiros na cidade olívica alá polo ano 1981, foi tamén membro do grupo histórico ”OS CRUCEIROS” e deixou non menos de 250 composicións para gaita galega …
Henrique Otero deixou unha herdanza na comarca de Vigo de amor pola gaita galega e polo traballo ben feito, converténdose nunha ponte entre o gaiteiro rural e o gaiteiro urbano, entre o gaiteiro que foi e o músico que formou parte durante 40 anos da hoxe desaparecida banda municipal de Vigo.
Neste primeiro e emotivo memorial, haberá palabras de lembranza para o mestre, tanto por parte de agrupacións, como de numerosas persoas moi achegadas a el, contarase coa música de grupos como “Noitarega”, “Contracocheno”, a “Agrupación Breogán de Moaña” ou incluso a banda de gaitas “Raigames” fundada polo mestre no ano 1982 e que se xuntará especialmente para tocar neste evento.
Tamén intervirán o gaiteiro Juan Pena, os profesores Beatriz Riobó, Alejo Amoedo e Christian Castrelo e haberá algunhas sorpresas máis.











