Humor e teatro infantil no Auditorio de Ourense, música clásica na catedral e festa de San Lázaro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O coñecido actor Pablo Chiapella, máis coñecido como Amador Rivas pola súa personaxe nunha coñecida serie televisiva, actúa esta noite no Auditorio a partir dás 22 h, onde mostrará un espectáculo cheo de historias e ocorrencias. Será o comezo dun fin de semana con numerosas actividades que terán o seu colofón na celebración o domingo da festividade de San Lázaro.

O sábado día 5 terá lugar outro destacado concerto que recolle as mellores músicas da nosa tradición coa actuación de Camerata Boccherini co Coro da Capela Madrigalista de Ourense interpretando pezas compostas entre os séculos X e XVIII. O concerto denominado Ex umbra in solem, dende a sombra a luz, será ás 21 h na Catedral.

Ese mesmo día, actuarán no Auditorio Municipal o monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luis Dávila co espectáculo Menú do día. O éxito desta actividade fixo que se ampliara a oferta a unha segunda función, desta forma haberá dous pases que serán ás 20 h e ás 22.30 h.

O domingo 6, a programación infantil ten unha nova cita a partir das 12 h coa actuación de Gatuxo Teatro. Un espectáculo músico – teatral para bebés e familia, no que a parte musical se complementa coa dramatización das cancións a través do teatro e a manipulación de obxectos. O prezo é 3 € e hai tres pases ás 12 h, 17 h e 18 h. Venda de entradas en www.servinova.com ou desde 2 horas antes do comezo de cada actividade.

San Lázaro

O mesmo domingo, tal e como marca a tradición, teñen lugar os tradicionais festexos de San Lázaro. A partir das 11 h terá lugar a misa na Igrexa de Santo Domingo.

Posteriormente, desenvolverase unha alborada cos gaiteiros Gomes Mouro, e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e Parque de San Lázaro.

Ás 12.30 h actuará a Banda Municipal no propio Parque de San Lázaro, para rematar coa queima de Madamitas a cargo da Pirotecnia Josman.

Durante os dous días da fin de semana estarán instalados os postos de lambetadas arredor do Parque de San Lázaro.

4 de abril de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.