Gran éxito de público no espectáculo “Toc toc” en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O espectáculo musical “Toc Toc” rexistrou onte un gran éxito no que a número de participantes se refire, logrando congregar a máis de 350 asistentes que encheron o salón de actos do Pazo de Mos.

“Toc Toc” é unha das actividades que forman parte do programa “Ocio en Familia” da concellería de Educación e Participación Cidadá, dirixida pola edil Kely Monzón, e tamén estaba enmarcada na programación da celebración do Día Internacional do Libro do municipio.

A devandita actividade está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para os concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística FalaRedes, entre eles o de Mos.

“O obxectivo desta actividade é o de fomentar a participación e o divertimento das familias mosenses, así como mellorar e aumentar os momentos de lecer compartidos entre os membros da unidade familiar, e desta forma tamén propiciar a interactuación e o contacto entre as diferentes familias do municipio” declarou a edil Kely Monzón.

Toc Toc é unha chamada á porta dun mundo de ledicia, ilusión, amizade e compañeirismo, onde non teñen cabida as guerras e sí a defensa do medio ambiente, a paz, a protección dos animais, a ilusión da chegada do Apalpador no Nadal, a fantasía do mundo dos piratas, e como non, o mundo paralelo dos/as nenos/as: os contos, onde poden aparecer protagonistas femininas, creativas e decididas ou o valor de amizades imposibles entre cans, gatos e ratos.

Este espectáculo, que foi dirixido ás familias con cativos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, englobouse no eido musical do rock, pop, fol e tamén o soul, a alma da música moderna que partiu da tradición musical galega.

28 de abril de 2014 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.