“Gómez” e “Patacón” proclámanse vencedores do Trofeo Presidente
O pasado fin de semana, o Real Club Náutico da Coruña celebrou a terceira e última xornada do III TROFEO PRESIDENTE para a clase Cruceiro, e as Series de Primavera para J80.
Na xornada do sábado, duras condicións de vento para os J80s, con ventos establecidos do oeste e 20-22 nós, con puntas que alcanzaron os 27-29. Completáronse 2 percorridos tipo barlovento-sotavento. Dominio da tripulación do “Meltemi” patroneado por Guillermo Branco, por diante do “Kakako” de Caco Vilariño con dúas segundas posicións, e o “Mariña Coruña” patroneado por Alex Rodriguez con dous terceiros. A xeral final, tras entrar o descarte quedou liderada polo “Mariña Coruña” con 8 puntos (2-1-2-3-3), por diante do “Meltemi” con 9 puntos (4-5-3-1-1), e en terceira posición o “Miúdo” de Carlos López con 11 puntos (3-2-1-5-5).
Na xornada do domingo, unhas condicións de vento similares ás do sábado permitiron completar un percorrido costeiro de 21 millas náuticas. Tras a saída na ensenada de Mera, os participantes tiveron que virar a baliza do “Chinés” como desmarque, na cabeza viraban o “Salseiro” de Manuel Branco, “Gómez” de Andrés Soto e “Hansa” de Julián Ojea, para logo navegar ao través á Baliza cardinal do Porto Exterior de Ferrol. Despois unha longa empopada ata o “Mourón” de Ares, a clase “3”, os barcos de menor eslora, viraron a baliza de “Punta Promontorio” sen entrar na ría de Sada, para despois volver toda a flota ciñendo a Coruña.
A clase 3, foi a primeira en finalizar, xa que fixeron un percorrido máis curto (14 millas), entrando en tempo real coa seguinte orde, “Zóspiro” de Guillermo Branco, “Argallán” de Domingo Branco e “Patacón” de José Ubago, aínda que tras a compensación de tempo a vitoria final da proba foi para o “Patacón”, por diante do “Argallán” e do “Zóspiro”. O vencedor da clasificación xeral, foi “Patacón” con 4 puntos (1-2-1), segundo “Zóspiro” con 7 puntos (3-1-3), e terceiro e tamén con 7 puntos o “Argallán” (2-3-2).
O primeiro barco da clase 0-2 en finalizar a proba foi o “Hansa”, aínda que a vitoria tras a compensación de tempos sería para o “Araucaria” de Joaquín Cobelo, segundo o “Gómez” de Andrés Soto, e terceiro o “Salseiro” de Manuel Branco, boa regata tamén do “Riás” de Ramón Carnota, que a pesar do erro ao coller o tempo na saída, e de estar en “rodaxe” coa súa nova tripulación, xa se achega aos postos de cabeza. Na xeral final da clase 0-2, a vitoria foi para o “Gómez” con 5 puntos (1-2-2), segundo o “Araucaria” con 6 puntos (2-3-1) e terceiro o “Hansa” con 8 puntos (3-1-4).











