Goles e espectáculo dedicados a Saúl Cancio cun resultado de Azkar Lugo 4 – Xapón 3
Moitas veces o deporte serve como ferramenta na vida e hoxe o Azkar Lugo FS e a Fundación Azkar utilizárona para apoiar a un neno lucense de cinco anos, Saúl Cancio, que sofre unha enfermidade que lle impide camiñar. A familia do pequeno está loitando por superar esta enfermidade rara e hoxe o partido internacional entre o Azkar Lugo FS e a Selección de Xapón foi un encontro benéfico a favor de Saúl. Un partido cheo de emoción, con goles, con vitoria para o Azkar Lugo (4-3) e iso fixo moi feliz a Saúl, como se vía no sorriso que o pequeno lucense enviaba desde o palco de autoridades onde seguiu o partido.
O partido arrincou coa homenaxe a Saúl Cancio. Estivo acompañado do seu pai, Javier Cancio, que é xogador do equipo filial do club e hoxe xogou a primeira parte do encontro co primeiro equipo. Os aplausos cara ao pequeno lucense facían xa acto de presenza, repartíronse durante varia fases do partido, e era o maior ánimo para o pequeno, que non paraba de sonreir. Os capitáns do Azkar Lugo e da Selección Nacional de Xapón entregaban camisetas dos seus respectivos equipos a Saúl despois de que o pequeno realizase o saque de honra do partido.
O partido foi un espectáculo, cunha Selección de Xapón que foi mellor nos primeiros vinte minutos e así se reflectiu no marcador. Os nipones mandaban 0-2 ao descanso, con goles de Osodo e Inaba, pese aos intentos dos lucenses de meterse no partido. Pero no segundo periodo o partido cambiou radicalmente e o Azkar Lugo aproveitou o seu gran arranque para conseguir a vitoria. Ao primeiro minuto do reinicio Porto de falta directa facía o 1-2 e nun minuto, o 25, o Azkar Lugo dáballe a volta ao marcador. Primeiro cun golazo de Cabanas, que tras saque de esquina enganchaba unha volea que se coaba por toda a escadra, e o terceiro segundos despois de Antonio Diz que realizaba unha gran xogada de pívot e tras levarse ao seu defensa virábase para culminar a remontada. Pouco despois unha gran xogada de Álex Diz acababa con penalti sobre o xogador lucense e Cuco desde a pena máxima non fallaba (4-2). Remontada e goles dedicados a Saúl Cancio que desde o palco seguía atentamente o partido xunto aos seus pais. O Azkar Lugo tomara o mando do choque e só Xapón puido crear perigo na recta final do choque onde con porteiro-xogador durante os últimos cinco minutos creou ocasións de gol e no último minuto Nishitani faría o defintivo 4-3.
Ficha técnica:
Azkar Lugo FS 4: Óscar Iglesias, Cabanas, Cancio, Álex Diz e Chano, -cinco inicial-, Antonio Diz, Diego Núñez, Adri, Porto, Iago Rodríguez, Cuco, Zala, Rubén Mouriz, Nacho, Cristian e Mendiola. Selección de Xapón 3: Sekiguchi, Takita, Nishitani, Watanabe e Nibuya, -cinco inicial-, Osodo, Inaba, Sato, Minamoto, Uchimura e Nakamura. Árbitros: Montero Garrido e Martínez Torres (comité galego). Amonestaron con tarxeta amarela a Cuco (Azkar).
Incidencias: partido amistoso internacional e benéfico a favor do neno Saúl Cancio. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 900 espectadores. Goles: 0-1 min. 11 Osodo, 0-2 min. Inaba, 1-2 min. 21 Porto, 2-2 min. 25 Cabanas, 3-2 min. 25 Antonio Diz, 3-2 min. 25 Antonio Diz, 4-2 min. 27 Cuco (penalti) e 4-3 min. 40 Nishitani.
Recaudación de 3900 € para a compra dun andador
O público respondeu, a afección ao fútbol sala tamén, e hoxe neste partido benéfico coa venda de rifas, durante toda a semana e hoxe mesmo no Palacio Municipal, se recaudaron un total de 3.900 € que a familia destinará para a compra dun Andador NF Walker para Saúl.
Clubs como o CD Lugo, Santiago Futsal, ElPozo Murcia, enviaron camisetas que foron sorteadas no descanso do partido, e varias tendas deportivas como ASport21, Manel Sánchez ou Intersport, tamén enviaron agasallos que se sortearon entre todas as persoas que adquiriron as súas rifas, ademais de varias tendas e establecementos da cidade que tamén mandaron obsequios… A sociedade respondeu e iso foi o máis importante para axudar así a Saúl Cancio.O club e a Fundación Azkar queren agradecer a todas as persoas que dunha forma ou outra colaboraron no día de hoxe con esta causa.











