Gipuzkoa Basket gaña o igualado pulso no Fontes do Sar
De novo o acerto foille esquivo nos instantes finais ao Rio Natura Monbus, que perdeu na súa cancha (72-76) ante o Gipuzkoa Basket nun choque marcado pola igualdade. O tándem Charles Ramsdell e Jason Robinson desnivelou o partido, de alternativas e refachos, moi disputado e con gran protagonismo da estratexia. A mellor noticia para os locais foi, sen dúbida, a achega da súa última fichaxe, Richi Guillén. O de Santa Cruz de Tenerife converteuse no MVP grazas ao seu 22 de valoración (19 puntos, 3 rebotes, 5 faltas recibidas).
Alberto Corbacho asumiu o protagonismo nos primeiros compases do partido anotando tres triplos consecutivos e facilitando o parcial de 12-2 para o conxunto compostelán. Gipuzkoa Basket non atopaba a maneira de penetrar na telaraña obradoirista. Cada intento en ataque era repelido pola defensa ou polo aro, e así até rexistrar, a falta de dous minutos e medio para o final do cuarto inicial, un 1 de 11 en tiros de campo. Sito Alonso parou o xogo e instruíu aos seus, que á volta do tempo morto cambiaron por completo a dinámica e devolveron un 0-10 de parcial (12-12). Richi Guillén tardou menos dun minuto en anotar a súa primeira canastra como xogador do Rio Natura Monbus, antes de que Neto puxese a igualada ao termo do primeiros dez minutos (14-14).
O equilibrio de forzas definiu o choque entre composteláns e donostiarras. No segundo período, Xanthopoulos fíxose coa dirección –e tamén a anotación- e Guillén anticipou o peso que pode chegar a ter neste equipo. Os 9 puntos do recentemente chegado permitiron ao Obra manter o pulso cos vascos na primeira metade, que atoparan a claridade tanto no exterior como debaixo dos aros. Os de Alonso fóronse ao vestiario dous puntos arriba (32-34).
Gipuzkoa Basket volveu tirar de acerto desde 6’75 no reinicio. Cortaberría, Robinson e Ramsdell levaron deron ao seu equipo a maior vantaxe do partido (39-47), pero reaccionou pronto a Obra volvendo apertar o marcador. Guillén, cun triplo, situaba o 53-54 ao final do terceiro cuarto.
Saíron con todo os de Moncho Fernández no definitivo. Un 7-0 de parcial puxo aos galegos no disparadero (60-54), que aproveitaron as dúbidas que a acumulación de faltas en varios dos seus homes sementaba en Gipuzkoa Basket. A ‘dobre R’ donostiarra, Robinson e Ramsdell, reapareceu unha vez máis para reverter a tendencia, unha constante do encontro, e devolver a vantaxe aos de Alonso. Un dous máis un de Neto a falta de pouco máis dun minuto (65-71) pareceu sentenciar un partido que o Obra se resistiu a dar por perdido. Do carrusel de tiros libres saíu beneficiada a escuadra vasca (72-76).
Ao Rio Natura Monbus espéralle xa o FC Barcelona. O vindeiro sábado (18:00) os de Moncho Fernández tentarán volver reinar no Palau











