Fundación Amigos de Galicia e Concello da Laracha renovan o convenio de colaboración
José Manuel López Varela, alcalde da Laracha, Rocío López, concelleira da área de Servizos Sociais e Jesús Busto, director xeral da Fundación Amigos de Galicia, asinaron hoxe no Concello o convenio de colaboración a través do que se lle concede á entidade benéfica unha subvención nominativa –xa contemplada nos orzamentos municipais- por un importe de 5.000 euros, incrementándose a achega en mil euros con respecto á do exercicio anterior.
O Concello da Laracha colabora con esta entidade solidaria desde 2011 tanto organizativa como economicamente nas campañas mensuais de distribución de alimentos e outros produtos de primeira necesidade.
Actualmente no termo municipal da Laracha hai vinte familias beneficiarias da actividade da Fundación Amigos de Galicia, ascendendo a 72 as persoas que son atendidas pola entidade, das cales 26 son menores de idade. En total repártense cada mes en torno a 900 quilos de alimentos.
Recollida de roupa usada e reciclaxe solidaria de tapóns de plástico
A cooperación entre o Concello e a Fundación Amigos de Galicia posibilitou poñer en marcha outras iniciativas solidarias que se están a desenvolver de xeito continuado, contando co respaldo e a implicación da poboación en xeral do municipio.
Por unha parte, realízase a campaña de recollida de roupa usada, que posteriormente é seleccionada e repartida a familias de toda Galicia con baixos recursos económicos. Os lugares nos que as persoas que o desexen poden deixar a roupa de vestir ou de cama da que queiran desfacerse son o novo edificio administrativo (en horario de 9 a 14 horas) e o edificio de servizos múltiples (de 11 a 13 horas pola mañá e de 15.30 a 20 pola tarde).
Por outra parte, tamén está en marcha a iniciativa da reciclaxe de tapóns de plástico. Na entrada da Casa do Concello e noutros edificios municipais están dispoñibles os recipientes nos que pode depositarse o material, que despois se emprega para o financiamento de fins solidarios. Na actualidade a campaña diríxese a axudar no financiamento do tratamento de Álex Guntín, un neno vigués que sofre parálise cerebral.











