publicidade hoxe

Francisco Conde salienta o valor dos comercios máis lonxevos da comunidade como “historia viva” das vilas e cidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLalínLocal PortadaLugoPontevedraRianxoTui
A-
A+
Francisco Conde na entrega de premios aos comercios máis lonxevos. Foto: X. Crespo

Francisco Conde na entrega de premios aos comercios máis lonxevos. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe o traballo e a dedicación dos comercios máis antigos de Galicia como “historia viva” das vilas e cidades galegas, na entrega dos recoñecementos aos establecementos de maior traxectoria participantes na iniciativa da Xunta A semana do teu comercio. Este encontro serviu, tal e como salientou Conde, para “poñer en valor o traballo de familias que chegan xa á cuarta, quinta ou mesmo novena xeración de comerciantes que se volcan a diario co servizo aos seus clientes”, subliñou o conselleiro.

Conde entregou o recoñecemento ao comercio máis lonxevo de Galicia á farmacia Couceiro de Betanzos, un establecemento do que xa hai constancia en documentos de 1.719 e polo que teñen pasado nove xeracións da mesma familia. No acto, no que participaron, entre outros, os delegados da Xunta en Lugo e Pontevedra, Raquel Arias e José Manuel Cores Tourís, e os alcaldes de Lalín, Tui, Cambados e Rianxo; así como o presidente da Federación Galega de Comercio, entregáronse tamén distincións aos comercios de maior traxectoria nas súas respectivas categorías.

No tocante aos establecementos de alimentación recolleu o galardón Alimentación Alonso, de Tui (Pontevedra), un negocio fundado en 1890 á fronte do cal está xa a cuarta xeración. E en xoiería, a tenda máis antiga das participantes en A Semana do teu comercio é a xoiería e óptica Villar, de Cambados (Pontevedra), que botou a andar en 1880.

En Rianxo (A Coruña) ten a súa orixe en 1904 a librería Cándido, un negocio familiar que no seu momento foi a primeira imprenta de Rianxo. E en Cangas (Pontevedra) atópase Indalecio Moda, a tenda téxtil máis antiga de A semana do teu comercio, un establecemento fundado en 1860. Na categoría de panadería, o recoñecemento foi para Manolo da Morena, en Lalín, un negocio que con dedicación e traballo chega xa á quinta xeración e máis de 170 anos de traxectoria.

O comercio destacado na provincia de Lugo é a Confitería Madarro, fundada en 1891 e que continúa a elaborar o seu produto de maneira totalmente artesá, mentres que en Ourense se distinguiu como o comercio máis antigo a Ricardo Terán, un establecemento do Barco de Valdeorras especializado en produtos do agro que ten a súa orixe en 1881.

O acto realizado hoxe no Museo do Pobo Galego pon o broche final á iniciativa A semana do teu comercio. Unha semana, un comercio, unha historia, desenvolvida ao longo de todo o 2013 pola Consellería de Economía e Industria. O obxectivo desta acción, que se levou a cabo durante unha semana do ano en cada centro comercial aberto de Galicia, é destacar o importante papel que desenvolven estas asociacións na dinamización do comercio de proximidade das vilas e cidades galegas, ao tempo que se destacaba en cada CCA ao comercio asociado de maior traxectoria, realzando o saber facer dos negocios que souberon adaptarse ao paso do tempo a través da calidade e o trato ao cliente.

2 de abril de 2014 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.