Fomento executará as obras de mellora da recollida de pluviais na rúa A Escardia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Ministerio de Fomento acometerá as obras solicitadas dende o Concello co obxectivo de mellorar o sistema de recollida de pluviais na zona da Escardia despois dos movementos de terras e as actuacións realizadas na zona con motivo da construción da liña de alta velocidade ferroviaria. Os traballos comezarán a semana que ven e consistirán na instalación dun colector que recolla as augas que escorrenten dende os barrios da Torre e Guillán, evitando deste xeito posibles riscos de asolagamentos na zona.

O concelleiro, Jesús Longa, recibiu hoxe o escrito da adxudicataria das obras do Eixo Atlántico comunicando que os traballos comezarán a vindeira semana e afectarán á Rúa A Escardia, que con motivo das obras verá restrinxido o acceso de vehículos por tramos, para facilitar as labores de execución.

O novo colector para a recollida de augas pluviais instalarase no tramo da Rúa A Escardia que discorre paralela á estación do ferrocarril. O goberno local solicitou a implementación dos traballos de acondicionamento das zonas afectadas polo novo trazado ferroviario para garantir que as augas de choiva que escorregan dende as zonas altas dos barrios da Torre e Guillán confluían nesta zona da Escardia e que era preciso dispor dun sistema axeitado para a súa recollida co obxecto de evitar futuros problemas de asolagamento da zona en períodos de choivas intensas.

A empresa calcula que os traballos estean finalizados durante o mes de maio.

22 de abril de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.