Flores con fins solidarios para festexar o Día da Florista en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Día da Florista en Ourense

Día da Florista en Ourense

A celebración este ano do Día do Florista está marcada por un compoñente solidario: os floristas venderán rosas a un euro na rúa do Paseo e a recadación destinarana integramente ao Banco de Alimentos de Ourense. O vicepresidente desta asociación, Juan de Deus, así o afirmou na rolda de prensa na que deron a coñecer os detalles deste día que habitualmente celebran con outras actividades, pero á que este ano quixeron sumarlle este fin solidario ‘pois moita xente está a pasalo mal e podemos axudarlles desta forma, por iso queremos que todo o que poida sómese con esta causa ese día’. Aproveitou igualmente para agradecer a colaboración nesta iniciativa da concellaría de Comercio, o Inorde e a Fundación CEO.

O sábado 12 de abril, desde as 8 da mañá e até as 10 da noite, permanecerán nunha carpa fronte ao Banco de España para vender as 2000 rosas que, até o momento, teñen empaquetadas. Ademais, a caseta estará adornado coa arte destes profesionais, en forma de decoración floral realizada por todos os integrantes desta asociación a nivel provincial.

A concelleira de comercio, Juana Ageitos, realizou unha reivindicación da actividade comercial que en Ourense ‘é a columna vertebral da cidade e o ADN do cidadán’, e non dubidou en porse a disposición desta asociación e os comerciantes en xeral para levar a cabo outras actividades deste tipo, sobre todo ‘si dan visibilidade ao comercio a pé de rúa e con elas pódese axudar a xente’ comentaba.

Pola súa banda, Cecilio Santalices, presidente do Banco de Alimentos de Ourense, aproveitou para agradecer unha iniciativa nova como esta, sobre todo vindo dos comerciantes e empresarios que ‘ademais dos problemas do cidadán teñen os propios do colectivo dos autónomos’, o que asegurou que era digno de agradecer dobremente.

En canto ás accións que esta organización planifica comentou que rexistraron un incremento de máis do 20% con respecto a 2013 na ‘Operación Quilo’ realizada o pasado fin de semana, e que levarán a cabo outra no mes de maio. Ademais, tamén teñen pensado facer unha gran colecta máis adiante a nivel provincial e en todos os supermercados. Lembrou igualmente Santalices que a día de hoxe son 83 entidades asociadas nas que realizan repartición de alimentos, e reivindicou a capacidade de Cáritas para dar as cifras de pobreza que saíron á luz recentemente, pois ‘ninguén mellor que eles coñecen a situación e poden expor ese tipo de datos’.

Antes de finalizar, desde a asociación de floristas afirmaron que, do mesmo xeito que están a facer os perruqueiros, teñen previsto tamén reunirse con grupos políticos para exporlle a difícil situación que atravesa o sector por mor da subida do IVE, co fin de solicitar apoios e solucións. Na súa argumentación, Juan de Deus apuntou que son un sector que promove a actividade doutros moitos como produtores, agricultura, transporte, provedores… e que deberían ter un IVE reducido pois o seu produto é sumamente perecedoiro e si non se vende en 2 ó 3 días termina no cubo do lixo.

 

10 de abril de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.