Finalizan os cursos de formación para os 13 bolseiros do proxecto Acore II

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Educación, Francisco Mourelo, visitou esta mañá aos 13 titulados en Formación Profesional que finalizan esta semana o curso intensivo de preparación lingüística e cultural, previo ás prácticas de 6 meses que realizarán, entre maio e outubro, en empresas de Gran Bretaña, Austria e Italia, dentro do programa educativo municipal Bolsas Europa FP – Proxecto Acore II, organizado polo Concello da Coruña, en colaboración coa Deputación e o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE), pertencente ao Ministerio de Educación.

“Con este programa, que se desenvolverá durante 6 meses -entre o 9 de maio e o 25 de outubro-, 13 titulados traballarán en empresas de Portsmouth (4), Florencia (4) e Viena (5)”, explicou Mourelo.

O concelleiro de Educación lembrou que os cursos intensivos de inglés, italiano e alemán impartíronse no centro cívico de San Diego e orientáronse especialmente cara á cultura dos países receptores e cara á práctica oral, adaptada ás especialidades formativas destes técnicos superiores pertencentes ás seguintes familias profesionais:

-2 titulados superiores en Dirección de Cociña do IES Paseo das Pontes.

-4 titulados superiores en Comercio Internacional do IES Zalaeta.

-1 titulada en Secretariado do IES Fernando Wirtz.

-1 titulada en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos do IES Eusebio da Garda.

-3 titulados en Xestión Comercial  e Mercadotecnia do IES Zalaeta.

-1 titulada en Guía, Información e Asistencias Turísticas do IES Eusebio da Garda.

-1 titulada en Dirección de Servizos en Restauración do IES Paseo das Pontes.

Francisco Mourelo explicou que os cursos de alemán e italiano duraron 80 horas e participaron neles os mozos que van a Florencia e Viena. E no curso de inglés, de 72 horas, participaron os 13 bolseiros. Ademais, o curso de inglés foi impartido tomando como referencia os niveis B1, B2 e C1 do Marco Común Europeo das Linguas, segundo o nivel dos bolseiros; mentres que o italiano e o alemán tomaron como referencia o nivel A2.

“Con estes 13 titulados xa son 18 os técnicos superiores titulados en centros da nosa cidade que pasan por unha experiencia profesional en empresas europeas dentro deste programa”, explicou Mourelo, quen engadiu: “Ademais, o Concello convocará en xuño outras 17 bolsas que permitirán aos beneficiarios realizar as súas prácticas formativas entre os meses de novembro de 2014 e abril de 2015 en empresas de Reino Unido, Austria e Italia”.

Do mesmo xeito que na anterior convocatoria, os interesados en participar no proceso de selección do programa Bolsas Europa FP-Proxecto Acore II, deben ser técnicos superiores nos seguintes ciclos formativos:

Hostalaría e Turismo

-C.S. Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos.

-C.S. Guía, Información e Asistencia turísticos.

-C.S. Dirección de Cociña.

-C.S. Dirección de Servizos en Restauración.

Comercio e Mercadotecnia

-C.S. Comercio Internacional.

-C.S. Xestión Comercial e Mercadotecnia.

Administración e Xestión

-C.S. Administración e Finanzas.

-C.S. Secretariado.

A segunda edición do programa está financiada con 172.000 euros e ofrece 30 prazas. Este financiamento cobre os desprazamentos de ida e volta dos mozos bolseiros aos seus países de destino, o aloxamento, os correspondentes seguros e o curso de preparación lingüística e cultural. Ademais, reciben tamén unha cantidade en metálico para colaborar nos seus gastos diarios.

Este proxecto é unha continuidade do desenvolvido no ano 2013, no que participaron cinco novos coruñeses que durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2013, puideron realizar as súas prácticas formativas en empresas dos mesmos países. Así, entre as dúas edicións, participarían no proxecto Acore un total de 35 técnicos superiores.

29 de abril de 2014 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.