Finalizan as labores do obradoiro de AgroLalín no Pazo de Liñares

O alcalde Xosé Crespo na comprobación dos traballos realizados
Alcalde e concelleira revisaron as obras na compaña dos profesores e alumnos que amosaron a súa satisfacción polo resultado final dos traballos
O alcalde de Lalín, José Crespo, maila concelleira de Emprego, María José Batán, asistiron hoxe a última xornada de formación e traballo do obradoiro de emprego AgroLalín que rematou hoxe tras seis meses nos que os alumnos traballadores afondaron na súa formación teórica e práctica en especialidades como a horticultura e floricultura e a albanelería de urbanización.
En total foron 20 os alumnos traballadores que tomaron parte nas dúas especialidades que puxeron en marcha unha nova horta de cultivo na parcela do polígono Lalín 2000 e acondicionaron as instalacións do Pazo de Liñares.
Nestas últimas xornadas, os alumnos traballadores, como puderon ollar a concelleira e o alcalde, deixaron totalmente rematada a recuperación dos muros perimetrais dianteiros e laterais do Pazo e o acondicionamento do acceso ao Pazo que agora se fai por un solado de pedra que da acceso á porta principal. Baixo ese solado corre agora a auga sobrante da fonte aledaña á entrada e evitase unha zona esbaradiza que tiña con anterioridade a estes traballos.
Tamén quedou rematado o xardín dianteiro que agora disporá de rego artificial para coidar o cespede que se pratou e tamén quedaron saneados os frutais e as prantas ornamentais da que dispuña este xardín que serve de entrada ao edificio principal.
Os traballos tamén quedaron ultimados nas dúas sendas que dan acceso dende a entrada principal ao Pazo e a capela. As lousas de pedra que conforman os dous camiños foron recintadas con terra na que se sembrou herba que recubrirá os ocos deixando integrado o camiño de pedra no resto do contorno. Unha integración que tamén se producirá cando medre a herba na beirarrúa perimetral do Pazo que se construiu para evitar que as pingueiras que caian da cuberta afeeen a pedra e acaben por oradar regueiros na controna do edificio.
Xa na parte traseira, concelleira e alcalde puideron apreciar o resultado final da construción do xardín ao que darán as vistas da arquería do salón principal. UN xardín con formas xeométricas no que se prantaron 1400 pequenos árbores de buxo que cando medren deixarán unha zona axardinada ornamental.
Tamén lucirá con esplendor o xardín situado á esquerda do edificio que foi totalmente limpado e acondicionado. Nesta zona situase un magnífico exemplar de camelia dun porte moi destacado e que agora se pode apreciar con claridade unha vez foi limpada a vexetación sobrante.
O primeiro edil amosou a súa satisfacción “polo resultado dos traballos que permitiron esta primeira fase do acondicionamento do entorno que consisteu en reparar e acondicionar aqueles detalles que a obra inicial de recuperación do Pazo non contemplaba e que agora si permiten ver mellor con toda a súa beleza esta construción e o seu entorno”.
A finais do vindeiro mes farase entrega dos diplomas acreditativos correspondentes a este obradoiro de empredo.











