Finaliza o obradoiro “Colaborando polo emprego” na Laracha-Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+
Clausura do obradoiro

Clausura do obradoiro

Os vinte e catro alumnos-traballadores do obradoiro A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego recibiron hoxe os diplomas que certifican oficialmente a súa formación na correspondente especialidade cursada, sendo doce os que participaron no módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e outras doce no de montaxe e mantemento de instalacións térmicas solares.

Os dous alcaldes dos Concellos que promoveron e organizaron conxuntamente este obradoiro de emprego –José Manuel López Varela e Carlos Calvelo- e a Delegada provincial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña –Belén Docampo- presidiron o acto de clausura, ao que tamén asistiron a Xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar –Pilar Caridad-, concelleiros e responsables das axencias de emprego de ambos municipios, así como o equipo directivo e persoal docente.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, abriu, como anfitrión –o acto desenvolveuse no novo edificio administrativo da Laracha- as intervencións, mostrándose “contento porque se cumpriron os obxectivos previstos”. O rexedor local considera que “os obradoiros de emprego son a mellor oportunidade que os Concellos temos para ofertar programas de formación aos nosos veciños con posibilidades reais de inserción laboral”. López Varela valorou de xeito positivo os resultados obtidos nunha experiencia que foi nova para A Laracha, xa que este foi o primeiro obradoiro de emprego con formación en materia social despois dos realizados anteriormente sempre con temática e especialidades relacionadas co sector da construción.

O rexedor de Arteixo, Carlos Calvelo falou da colaboración entre os municipios promotores como unha “boa experiencia” coa que se procurou o “dobre obxectivo da formación e a inserción laboral” para os alumnos-traballadores en sectores nos que existen posibilidades reais de acceso ao mercado laboral.

A quenda de intervencións foi pechada por Belén Docampo, Delegada provincial da Xunta de Galicia, que, tras felicitar aos dous alcaldes polo éxito organizativo do obradoiro de emprego, ofreceu o dato de que “seis dos vinte e catro alumnos xa atoparon un posto de traballo”. Docampo afirmou que o diploma que hoxe recibiron é unha “certificación válida para todo o territorio nacional” e concluíu afirmando que “aínda que estamos nun momento de axustes económicos, as políticas activas de emprego seguen sendo prioritarias para a Xunta de Galicia”, considerando este tipo de programas como unha ferramenta moi útil xa que “entre o sesenta e cinco e o setenta por cento das persoas que se formaron en obradoiros de emprego, lograron acceder ao mercado laboral”.

O programa A Laracha-Arteixo: Colaborando polo emprego tivo unha duración de seis meses, desenvolvéndose a parte teórica ao completo no novo edificio administrativo da Laracha. No que atinxe á parte práctica, os alumnos do módulo de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais realizáronas nos centros públicos da Laracha, Carballo, Culleredo e Eirís (A Coruña) e os de montaxe e mantemento de instalacións térmicas solares, dotaron con estas estruturas a diferentes equipamentos municipais do Concello de Arteixo. O investimento total do obradoiro de emprego ascendeu a 294.000 euros

30 de abril de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.