Fin de semana de éxitos deportivos en Oroso nas modalidades de fútbol, tenis de mesa e xadrez

Equipo de xadrez Oroso
Nova fin de semana de éxitos para o deporte de Oroso, nesta ocasión por partida tripla: fútbol, tenis de mesa e xadrez. O concelleiro de Deportes, Luís Rey, trasladou os seus parabéns a todos os rapaces, aos seus adestradores e as familias “polo seu traballo ao longo de todo o ano, que fructificou esta pasada fin de semana e que demostra que o traballo ben feito, sempre ten a súa recompensa”. A pesar da satisfacción que supoñen estes triunfos, Rey Villaverde fai fincapé en que “a mellor recompensa é que cada día estes rapaces e rapazas disfruten do deporte e se vaian facendo como persoas nos valores que inculca o deporte: compañeirismo, esforzo, autosuperación…”.
O Oroso TM triunfou nos XXII Campionatos Galegos de Sub 23 celebrados esta fin de semana en Narón, onde os seus xogadores conseguiron 4 outros, 2 pratas e un bronce, amosando unha clara superioridade durante toda a competición. Un campionato no que participaron 150 xogadores de toda Galicia e no que Oroso estivo representado por 15 xogadores.
Os catro ouros chegaron nas modalidades de Dobres Masculino (Javi Obelleiro e Uxío Regueiro), Dobres Feminino (Silvia Álvarez e Saleta López), Equipos Masculino (Oroso TM-Ksas) e en Dobres Mixtos (Silvia Álvarez e Javi Obelleiro). Nesa mesma modalidade, Dobres Mixtos, Uxío Regueiro e Saleta López acadaban a medalla de bronce. As pratas chegaron da man de Silvia Álvarez (individual feminino) e equipos feminino (Oroso TM-Peluquería Tije), que perdeu na final co Arteal de Santiago por 3-1.
Campións de liga
Por outra parte, os equipos de fútbol alevín e benxamín B do Xuventude Oroso proclamáronse vencedores das súas respectivas ligas despois de golearen a domicilio nos seus últimos partidos desta fin de semana. Así, o equipo Benxamín B impúxose por un claro 1-10 ao La Salle CF “B”, pechando unha temporada perfecta: 16 partidos xogados, 16 partidos gañados. Un total de 48 puntos que deixaron ao segundo clasificado, o Conxo, a 11 puntos.
Os rapaces do Alevín “C” tamén resolveron con goleada o seu último partido: 1-8 na cancha do Racing San Lorenzo, cuarto clasificado da liga. Deste xeito, os rapaces de Oroso proclámanse campións de Liga logo dunha temporada na que remataron con 58 puntos, 6 máis co segundo clasificado. Os alevíns orosáns conseguiron 19 vitorias e un empate, e tan só perderon un encontro.
Subcampións Torneo Liga Base Galicia Central
Por último, os xogadores do Xadrez Oroso proclamáronse subcampións do Torneo Liga Base Galicia Central, celebrado esta fin de semana en Área Central. A pesar de ser a primeira vez que competían, o equipo formado por Carmen Míguez Pais, Alexandre Boquete Moreno, Sara Míguez Pais e Martín Pena Varela conseguiu un máis que meritorio segundo posto, a tan só 1 punto do campión, o Gallaecia Stellae.
A clasificación final quedou encabezada polo Gallaecia Stellae (con 18 puntos), seguido do Club Xadrez Oroso (17 puntos) e o Peleteiro A (16 puntos). O resto dos participantes quedaron xa a bastante distancia dos tres primeiros: Gallaecia Constrictor (12,5 puntos), Peleteiro B (9 puntos), USC (6 puntos) e Lalín (2,5 puntos).











