‘Festa dos Maios’ na Alameda de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVerín
A-
A+

O xoves día 1 de maio, como xa é habitual nas últimas décadas, a praza da Alameda de Verín acollerá a Festa dos Maios.

Desde as 11 da mañá e até o mediodía está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos que confeccionaron o IES Xesús Taboada Chivite, CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CPR Plurilingüe María Inmaculada, Asociación de Veciños de Albarellos e Asociación Verinense de Amigos da Música. Tamén ás 11 da mañá, se se cumpren as previsións, comezará o Trofeo de Petanca e as tiradas da modalidade infantil do Trofeo de Chaves Ricardo Soto. Mentres que a Compañía Títeres Tanxarina escenificará o Titiricircus ás 12 horas (este actividade está organizada polo Concello de Verín e patrocinada en conxunto coa Consellería de Cultura a través do programa Cultura no Camiño). A mesma hora (12 horas está previsto o comezo das tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto. E desde ás 12.30 horas, saíndo da Praza do Concello, haberá un desfile da Banda de Gaitas do Concello de Verín, que dará un concerto na Alameda ás 13 horas.

Das 11 da mañá ao mediodía haberá un posto con venda das coplas do Certame Enrique Gómez Pato. As coplas están editadas polo Concello de Verín. O diñeiro recadado, cada exemplar venderase a 1 euro, será para a obra asistencial na comarca da Cruz Vermella. Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo. O pan é o viño serán gratuítos.

O Concello, que organiza os festexos coa colaboración de Aguas de Cabreiroá, faise cargo dos gastos dunha festa que só pervive en Verín no sur da provincia de Ourense. A Festa dos Maios recuperouna en Verín Enrique Goméz Pato a mediados da década dos cincuenta. “O Pato” -coa colaboración dos seus fillos- e despois a Asociación Cultural Os Choupos e o Movimiento Junior, foron os continuadores desta exaltación da primavera en esculturas efémeras e de crítica social dos acontecementos locais ou externos en verso rimado. Desde o primeiro quinquenio dos oitenta, a festa recibiu un impulso por parte da institución municipal, con subvencións a maios e coplas feitos por asociacións, colexios e institutos; aliciente gastronómico e actividades paralelas.

28 de abril de 2014 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.