Ferrol e Asfedro completan o segundo obradoiro ocupacional en xardinería
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, deu a coñecer hoxe o balance da segunda edición do obradoiro ocupacional de xardinería posto en marcha en colaboración con Asfedro. Trátase dun novo proxecto de Asfedro que se iniciou o ano pasado coa colaboración da Administración municipal. Nesta nova edición, un total de oito persoas -7 homes e 1 muller- formáronse durante seis meses –dende outubro do ano pasado até o recentemente rematado mes de marzo- como xardineiros, con formación teórica e facendo prácticas no servizo municipal de Parques e Xardíns.
Este segundo taller ocupacional de xardinería tivo unha duración total de 160 horas, distribuídas en catro módulos: fertilización de xardíns, control fitosanitario de xardíns, poda de árbores e arbustos ornamentais e rego. Ademais da formación na aula, o obradoiro supuxo a realización por parte do alumnado de tarefas de conservación e mantemento de zonas verdes da cidade. En concreto, os parques e xardíns nos que interviñeron guiados polos técnicos e operarios do servizo municipal foron:
– Parque Pedro Carbajal: Sega de cuberta vexetal, recollida de follas, orillados, roce en noiros, retirada de impropios, podas, aclareo de copas en arborado e abonado por medios mecánicos.
– Parque Cartaxena: Reformulo e plantación de exemplares de 3,5 metros de altura de liquidambar styraciflua.
– Rúa Armada Española: Mantemento da cuberta vexetal e retirada de impropios.
– Canido: Perfilado, escarda, aportado de acolchado orgánico, desherbado de zonas pavimentadas, segas, podas e retirada de impropios.
– Parque Raíña Sofía: Segas, escarda en setos, desherbado de zonas pavimentadas, retirada de impropios.
– Cantón de Molíns: Limpeza de zonas pavimentadas por medios manuais e mecánicos, escarda en parterres de planta de tempada e retirada de impropios.
– Praza de España: Escarda de plantación arbustiva, aportado de acolchado orgánico.
– Praza de Sevilla: Sega de cuberta vexetal, retirada de impropios, orillado, perfilado, poda de setos, limpeza de zonas pavimentadas por medios manuais e mecánicos.
Tras as enquisas sobre o nivel de satisfacción do alumnado e entrevistas persoais, estes mostran un alto nivel de satisfacción en todos los niveis avaliados: adquisición de coñecementos, metodoloxía empregada, actitudes e aptitudes do profesorado e metodoloxía empregada. Os obxectivos deste segundo taller de xardinería foron: aprender novos hábitos que faciliten un funcionamento máis autónomo e saudable, potenciar a socialización, aumentar as capacidades de inserción laboral e favorecer a participación activa do alumnado para mellorar así a súa autoestima.











