Ferrol destinará 50.000 euros ao mantemento e mellora das instalacións da Policía Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O Concello de Ferrol acometerá obras de mantemento e conservación das instalacións da Policía Municipal, situadas no barrio de San Xoán, por un importe total de 49.928,81 euros. A empresa Talleres Reunidos será a encargada de levar a cabo esta intervención sobre a que informou hoxe o concelleiro de Servizos e Medio Ambiente, Borja Carro Muñoz, quen subliñou que “con estas obras o Goberno Municipal responde á necesidade de acometer reparacións e tarefas de conservación nun inmoble que as viña demandando dende tempo atrás”. Ademais, o obxectivo desta intervención é que os axentes locais dispoñan dunhas instalacións nunhas condicións óptimas.

Neste sentido, os traballos consistirán principalmente na reparación e pintado de fachadas, e limpeza de cubetas. A previsión é que o inicio das tarefas, unha vez adxudicadas formalmente polos técnicos municipais, é que este non se demore máis alá do presente mes de abril, aínda que o comezo dos traballos dependerá da data de firma da acta de reformulo. As obras de mellora e mantemento do cuartel da Policía Municipal de Ferrol en San Xoán atende ás deficiencias que foron detectadas polos técnicos municipais e, de feito, o proxecto foi redactado por unha técnica da Administración local.

Así as cousas, a actuación na sede do corpo local de seguridade en San Xoán suporá, fundamentalmente: a colocación de novos caneiros e baixantes; limpeza de fachadas; reparación de fendas e desconchados en fachadas, terraza, antepeitos, aleiros e encontros coas cubertas; impermeabilización do inmoble; retellado de toda a cuberta e revisión das proteccións de desaugadoiros.

9 de abril de 2014 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.