Ferrol acollerá un amplo programa de actividades da Semana Santa máis internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou hoxe o programa de actividades e eventos que se desenvolverán na cidade durante a Semana Santa, que este ano estrea declaración de Interese Turístico Internacional. O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo Pouso; a concelleira de Turismo do Concello de Ferrol, María del Carmen García Fraga; o vicepresidente da Coordinadora de Confrarías, César Carreño; e os Irmáns Maiores participaron na presentación deste programa nun acto que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial.

O Concello de Ferrol, en colaboración coa Deputación da Coruña, saca á rúa 25.000 programas de man en castelán, galego e inglés. Unha programación que estará nas principais cidades e municipios de Galicia, nas Oficinas de Turismo das capitais de provincia de toda España –incluídas as das Illas Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla- e en hoteis e centros de interpretación. Os folletos recollen, ademais do procesionario, informacións das visitas guiadas á Ruta do Naval e as confrarías, as visitas teatralizadas ao Castelo de San Felipe, os paseos en barco pola ría, Equiocio, e horarios de museos e exposicións de interese na cidade: Exponav, Museo Naval, Centro Torrente Ballester, Teatro Jofre, etc.

“Comeza abril, o mes máis importante para Ferrol  no que atinxe á súa proxección exterior e ao numero de visitantes que recibe a cidade; e debemos aproveitar a que será a Semana Santa máis internacional para, sobre ela, asentar o noso potencial turístico e ofertar un amplo programa de actividades que hai en Ferrol durante estes días”, sinalou o rexedor municipal. Ao respecto, Rey Varela referiuse a un estudo empresarial de fai catro anos que cifra en 200.000 persoas o número de visitantes e unha ocupación hoteleira superior o 90%, máis de 15 puntos por riba da media de Galicia nestas datas. Neste sentido, o alcalde manifestou que u que a declaración da Semana Santa Ferrolá como evento de Interese Turístico Internacional “é unha oportunidade que debemos aproveitar para proxectar unha imaxe en positivo da cidade nun dos momentos do ano en que os ferroláns máis queremos ao noso e ás nosas tradicións; e nunha época do ano en que son moitos os ferroláns que se encontran fóra e regresan á súa cidade”.

Coordinación e colaboración

O alcalde de Ferrol destacou, así mesmo, a colaboración e coordinación entre administracións, Coordinadora e Confrarías, de tal xeito que este ano por primeira vez a Semana Santa ten unha imaxe única e común para a súa difusión: O cadro gañador no II Premio de Pintura “Paixón Cofrade”, da pintora Hedi Ploegstra.

No que atinxe á promoción, a edil de Turismo sinalou que a acción publicitaria de maior repercusión é a publicidade da Semana Santa durante todo o pasado mes de marzo na revista Ronda Iberia, que se distribúe en todos os voos da compañía. Tamén hai unha presenza importante nas redes sociais. Así, entre outras accións, en colaboración co diario turístico on-line EXpresso.info a Concellería de Turismo ten activo un concurso en facebook, cuxo premio é unha estancia para dúas persoas en Ferrol e unha clase de iniciación ou surf ou unha comida.

Por último, en colaboración coa Xunta de Galicia contratáronse mupis coa imaxe da Semana Santa e aeroportos e estacións de RENFE de A Coruña, Santiago e Ferrol. Tamén este ano, por primeira vez, disporanse de 300 cubre – vallas para embelecer aínda máis os desfiles procesionais.

1 de abril de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.