Familiares e coidadores non profesionais de persoas con dependencia fórmanse no obradoiro en Vilagarcía
Concellería de Servizos Sociais comeza esta tarde a impartir o Obradoiro de Atención a Persoas Dependentes, un programa formativo e gratuíto destinado a familiares ou coidadores non profesionais de persoas que sofren algún tipo de dependencia. Dende hoxe e ata o mes de decembro, o Auditorio acollerá todos os martes e xoves pola tarde as sesións impartidas por persoal técnico da empresa Clece, concesionaria do Servizo Municipal de Axuda no Fogar.
O obxectivo deste obradoiro é o de axudar a proporcionar o maior benestar posible tanto ás persoas dependentes que padecen algún tipo de limitación na súa autonomía persoal, como aos propios coidadores. A formación impartirase en seis bloques diferenciados no que se abordarán polo miúdo aspectos como as Técnicas de mobilización e Axudas técnicas; O síndrome do coidador; prevención e manexo do estres; Técnicas de relaxación; primeiros auxilios no fogar; accidentes frecuentes; Comportamento, comunicación e estratexias con enfermos de Alzheimer e recursos sociais e sanitarios e o proceso de incapacitación.
A Concellería que dirixe Elena Suárez decidiu organizar esta edición do Obradoiro de Atención a Persoas Dependentes despois da boa acollida coa que contou a primeira experiencia realizada o pasado outono e debido á persistente demanda que existe de este tipo de formación por parte de coidadores habituais non profesionais. A celebración desta actividade non lle supón custe algún ao Concello, xa que o curso foi unha das melloras ofertadas por Clece na proposta que presentou no seu día para acceder ao contrato da concesión.
As clases comezan hoxe e impartiranse todos os martes e xoves de 16:30 a 18:30 horas ata o 18 de decembro.











