Expourense acolle a novena edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral

Presentación de Previsel
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da novena edición de Previsel, o Salón de Prevención e Seguridade Laboral, que acollerá Expourense os día 9 e 10 de abril. O obxectivo deste certame é fomentar a cultura preventiva non só entre os profesionais senón entre toda a sociedade en xeral.
Unha das novidades desta edición serán os dous seminarios sobre a prevención de riscos no agro galego organizados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e que están dirixidos aos cooperativistas e traballadores do sector primario das zonas rurais galegas. O primeiro está orientado aos profesionais que traballan nas adegas e no sector vitinícola e o segundo, máis xeralista, tratará os riscos no sector agrario e afondará na prevención de accidentes con tractores.
A edición deste ano prestará especial atención aos máis novos, xa que se organizaron distintas actividades orientadas a universitarios e estudantes de Formación Profesional co obxectivo de que se inserten no ámbito laboral cunha maior sensibilidade en materia de seguridade e saúde laboral.
Rogelio Martínez explicou que “a prevención é cousa de todos, atinxe a tódolos ámbitos da sociedade. Administración, patronal e sindicatos debemos seguir traballando para baixar os datos de sinistralidade”. Galicia rexistrou en 2013 un total de 22.377 accidentes en xornada laboral, 1.280 menos que en 2012, o que reflicte un descenso do 5,41 por cento.
Previsel é un salón organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais.











