EU terá que adiantar unha fianza de 500 euros para usar as instalacións municipais para actos lúdicos
Esquerda Unida deberá adiantar unha fianza de 500 euros se quere volver a utilizar unhas instalacións municipais para a realización de actos lúdicos. Esta fianza ten como obxectivo cubrir posibles gastos engadidos polo incumprimento das condicións especificadas no permiso de cesión dos locais, como aconteceu a pasada fin de semana coa celebración do festival organizado pola EU para conmemorar o aniversario da Revista Mundo Vermello e tras o cal deixaron a Praza da Peixería chea de lixo durante días, pese a que o permiso supeditábase á limpeza do recinto tras finalizar o acto.
A situación rexistrada esta semana non é a primeira vez que se produce, xa que o pasado ano a organización do Festival Mundo vermello tampouco recolleu o lixo tras os concertos, obriga que se recolle textualmente no certificado de autorización emitido en resposta á petición realizada por Ramón Bueno en nome de Esquerda Unida. Como este ano, foi o Concello quen tivo que acometer a limpeza extraordinaria das instalacións, co custe engadido que supón, para retirar as bolsas, botellas, vasos, latas e papeis que deixaron os asistentes aos concertos.
Este comportamento incívico dos membros de Esquerda Unida non só xerou us gastos engadidos ao Concello, senón que provocou as queixas e o malestar doutros colectivos que utilizan a Peixería para a realización de actividades e que se viron prexudicadas pola situación. A maiores, o Concello tamén censurou que EU empapelara farolas, papeleiras e outros elementos do mobiliario urbano con carteis do festival. Dende o goberno local censuran este tipo de comportamentos en xeral, pero especialmente partindo de concelleiros que actúan en nome dun partido representado na Corporación, “que son os que mais exemplo deberan dar á cidadanía”.
Para evitar este tipo de actitudes incívicas e que inciden negativamente na imaxe da cidade, a Xunta de Goberno Local decidiu que o establecemento da fianza aplicarase a calquera outro colectivo que teña incorrido previamente no incumprimento dalgún requisito recollido no permiso de uso das instalacións municipais.











