Estudantes do CPI Cernadas de Castro de Lousame participaron nun obradoiro de prevención de violencia de xénero
Un total de 42 alumnos e alumnas de 2º da ESO do CPI Cernadas de Castro de Lousame, de entre 12 e 14 anos de idade, participaron esta mañá no segundo dos tres obradoiros incluídos no programa socioeducativo de prevención da violencia de xénero en adolescentes “Somos dous”, posto en marcha pola Deputación da Coruña e que conta coa colaboración do Concello de Lousame. Un programa cuxo obxectivo principal é fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e loitar contra a lacra da violencia de xénero.
Así, na primeira sesión os rapaces e rapazas se achegaron aos distintos roles que os homes e as mulleres asumen na sociedade ou que lles son impostos. Nese primeiro contacto analizaron distintos anuncios publicitarios nos que puideron comprobar como as figuras dos homes e das mulleres se empregan de formas moi diferenciadas e cunhas connotacións sexistas moi evidentes.
Na sesión desta mañá, as ensinanzas xiraron máis sobre a violencia machista, facendo fincapé en que violencia machista non é só o acto de agresión física, senón que hai moitas máis formas máis sutiles e máis perigosas. Así, os rapaces e rapazas de Lousame comprenderon que hai unha violencia máis visible (a física) e outra menos visible, a psicolóxica, que fai moito máis dano porque é moito máis complicado saír dela.
Os rapaces sorprendéronse de que cuestións como controlar as mensaxes do móbil da parella puidera constituír un acto machista e mesmo analizaron as letras de cancións de reggaeton como “Dame un beso” ou ballenatos como “Propuesta indecente” para extraer as mensaxes sexistas que conteñen. O terceiro e derradeiro obradoiro deste programa “Somos Dous” terá lugar o vindeiro 9 de maio.
“Somos dous”
“Somos dous” é un programa da Deputación da Coruña que pretende favorecer no alumnado a construción dunha identidade non sexista e non violenta promovendo a adquisición de recursos persoais que fomenten as relacións entre mulleres e homes igualitarias. O programa consta de obradoiros de sensibilización, dirixidos no caso de Lousame ao alumnado de 2º da ESO, co obxectivo de facilitarlles a identificación daquelas situacións nas que se produce a violencia de xénero, incidir sobre actitudes e condutas dirixidas a construír unhas relacións afectivo-emocionais saudables nas relacións de parella, incidindo na erradicación de mitos e estereotipos erróneos.
A través dos obradoiros e actividades previstas no programa traballarase co alumnado estratexias que potencien actitudes críticas fronte ás desigualdades e a violencia de xénero, favorecendo o desenvolvemento de habilidades de comunicación necesarias para unha resolución de conflitos non violenta; escoita activa, expresión de sentimentos e asertividade.











