Estudantes de Ponte Caldelas abarrotan o centro sociocultural de Forzáns coa representación da obra de teatro “O avaro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Unha escea da representación

Unha escea da representación

A representación da obra de teatro “O Avaro” de Molière no Centro Sociocultural de Forzáns, a cargo dos alumnos do Instituto de Ponte Caldelas, alcanzou un éxito de público que abarrotou por completo o aforamento previsto pola Asociación Cultural O Torreiro no salón de actos do inmoble veciñal.

Os mozos recibiron o aplauso entusiasmado do público que pasou unha hora entretido co desenvolvemento dunha obra de teatro onde os malos entendidos, os momentos de humor e a magnífica interpretación do elenco de actores foron cativando a atención dos asistentes.

Ademais do merecido aplauso do público, os alumnos recadaron fondos para sufragar a excursión de fin de curso, que realizarán a Parín no mes de xuño, coa venda de entradas así como galegas elaboradas especialmente para a ocasión e que foron degustadas ao finalizar a representación durante a merenda ofrecida pola Asociación  Cultural O Torreiro de Forzáns ao numeroso público presente.

Os alumnos interpretaron a coñecida obra deste dramaturgo francés do século XVII en idioma francés e galego co fin de facilitar a comprensión da trama representada sobre o escenario do salón de actos do Centro Sociocultural de Forzáns.

Para a posta en escena desta obra, os alumnos contaron tamén coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas que lles facilitou a moqueta do escenario, unha cadeira do Pleno Municipal así como varios elementos utilizados para o atrezo.

O presidente da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns agradeceu aos alumnos o esforzo feito para preparar esta obra e animou aos mozos a seguir impulsando a cultura do traballo e o sacrificio como forma de alcanzar os seus obxectivos na vida. Tamén agradeceu á profesora de francés do IES Ponte Caldelas a súa dedicación vocacional aos seus alumnos que vai moito máis alá do deber como ensinante público.

Os alumnos, despois de compartir unha merenda e recibir a felicitación do público presente comprometéronse a preparar unha nova obra para o próximo ano e representala en Forzáns usando como idiomas vehiculares tanto o galego como o francés e/ou o inglés.

15 de abril de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.