Escolares do colexio SEK visitan o consistorio de Poio

Visita dos escolares ao consistorio de Poio
O colexio SEK visitou esta mañá o Concello de Poio para celebrar un pleno extraordinario, onde equipo de goberno e oposición estaba composto polos nenos e nenas do curso de 3º de primaria.
A orde do día constaba de dous asuntos: A reciclaxe e a compostaxe e a limpeza das praias logo dos temporais do inverno.
Os demais alumnos, 41 en total, fixeron uso dos rogos e preguntas para interesarse prácticamente por todas as áreas municipais: a promoción turística, as axudas dos servizos sociais ás familias necesitadas, as actividades culturais e festivas, os deportes, o traspaso do centro de saúde de Anafáns á Xunta, etc.
Esta escenificación do pleno municipal é a fase final dun proxecto co que o alumnado coñece a fondo o funcionamento da administración local, a dinámica da política municipal e a situación de moitos asuntos da actualidade do concello.
Ademais do alcalde de Poio e a secretaria municipal, que participaron no desenvolvemento do pleno levantando acta e respondendo ás preguntas dos nenos, respectivamente, estiveron ademais presentes dúas profesoras e o director do SEK, que supervisaron a actividade, que contou coa colaboración da concellaría de Educación.











