Enxuto lidera por moi pouco, a regata Ría de Pontevedra
Ideais as condicións que se deron o pasado sábado no transcurso da primeira Etapa da XI Regata Ría de Pontevedra para Cruceiros que están a organizar conxuntamente o Real Club Mar de Aguete, Club Náutico de Portonovo e Real Club Náutico de Sanxenxo e levando a batuta técnica a firma organizadora de regatas e eventos náuticos, Desmarque SL.. E dicimos ideais, xa que a materia prima, o vento, non faltou en ningún momento e ademais cunha intensidade ideal de 14 nós de media. Isto fixo que os barcos fosen moi rápidos, cubrindo o percorrido de 16,5 millas o primeiro en chegar nun pouco máis de dúas horas. Ademais, a pesar de que nalgúns momentos a visibilidade reducíase algo pola poalla que caeu de forma intermitente, a navegación foi moi técnica e táctica e seguida pola maioría no programa de seguimento aplicado por Desmarque..
Puntualidade meridiana na saída onde os primeiros en cruzala foron YOUKOUNKOUN, LIMAY, ENXUTO, AGUIEIRA e A PEREGRINA por esa orde, para realizar primeiro unha cinguida até o desmarque, que continuou a Morrazán, e logo saíron da Ría de Pontevedra en través cara ao faro de Picamillo. Nova cinguida até o faro do Camouco e longo través até a Mourisca de Bueu para entrar a continuación en popa en Portonovo. A dirección do vento mantívose constante case todo o tempo do Suroeste. Finalmente, a liña de chegada cruzouna primeiro en tempo real o SEBRALA e a clasificación xeral en tempo compensado dos primeiros clasificados nos dous grupos formados foi a seguinte,
Clase 1, gañador ENXUTO (First 310 – Pablo Conde – Düsseldorfer Yacht Club), seguido a soamente 6 segundos do AGUIEIRA (Sun Oddisey 40 – Celestino Campelo – RCM Aguete); terceiro quedou o SEBRALA 2 (Bavaria 50 – Magin Froiz – RCN Sanxenxo) a 2:41; cuarto o YOUKOUNKOUN (JOD 35 – Adolfo Castro – CN Portonovo) a 8:25 e quinto o VAGALUME (Beneteau 25 – Antonio Bea – RCN Sanxenxo) a 15:33.
E na Clase 2, vitoria do SQUID (First 23.5 – Francisco Lusquiños – C.N. Portonovo), seguido a 4 minutos e 30 segundos polo SANTIAGO ROMA RIAS BAIXAS (Yatlant 24 – Iñaki Carbajo-CN Beluso); tras eles AQUARI (Oceanis 351-Luís Malvar-R.C.M. Aguete) a 14:32; FIRME (Golfiño 7.25 – Santiago Bausá – Escola NM Marín) a 16:32 e MIRAVER (Dufour 32 – Pablo Parrado – CN Portonovo) a 19:30.
A etapa definitiva da Regata Ría de Pontevedra terá lugar o vindeiro sábado día 12 a partir das 13:30 horas desde Portonovo até Sanxenxo, entregándose os premios ao acabar, nas instalacións do Real Club Náutico.











