Entréganse os premios aos gañadores do concurso de ideas de prevención do consumo do alcol “Apúntate unha idea”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O concurso de ideas para a creación dunha campaña publicitaria de prevención de consumo de alcol dos menores para menores de idade do Concello de Ourense xa ten gañadores. Esta mañá déronse a coñecer no Liceo as mellores ideas que se presentaron a concurso, nas tres seccións convocadas: un lema en galego, cun máximo de cinco palabras; un debuxo en cor ou branco e negro para representar a idea; e un desenvolvemento das accións para difundir as ideas.

A finalidade do concurso consiste na desmitificación da imaxe social positiva do alcol, a corrección de percepcións erróneas e a diminución da percepción social da normalidade no consumo. Participaron un total de 249 estudiantes de nove centros educativos da cidade, que presentaron un total de 2.017 traballos, de xeito individual e grupal.

Os premiados do concurso foron os seguintes:

1. Busca un lema:

Primeiro premio: “O alcol non mola: amola”. Víctor Rodríguez, 14 anos, do centro Padre Feijóo.

Segundo premio: nonbebas@atuavida.es. Tatiana Rodríguez, 13 anos, do centro Salesianos.

2. Fai un debuxo: 

Primeiro premio: “Non te deixes atrapar”. Iria Brea, 13 anos, do IES Otero Pedrayo.

Segundo premio: “Por que me fas isto? Para..”. Nuria Rozados, do IES Lagoas.

3. Desenvolve as accións:

Primeiro premio: “O alcol riese de ti (folga contra o alcol”. Brais Outeiriño, 12 anos, da Purísima.

Segundo premio: “O alcol déixallo aos piratas -graffiti-. Brais Fernández, 13 anos, CPI José García.

No acto, ao que asistiu a concelleira de Saúde, Marga Martín, e no que participou o mago Txema Gicó, expuxéronse os traballos e entregáronse aos gañadores os premios, consistentes en smartphones, tablets, e sorteo de entradas para espectáculos culturais.

30 de abril de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.