“Emprender en positivo” clausúrase cun gran éxito de participación e proxectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O curso “Emprender en Positivo” acadou hoxe o seu punto e final, despois de oito semanas nas que 21 emprendedores do concello de Cangas recibiron formación e asesoramento por parte de profesionais de Incyde para mellorar as súas empresas ou tratar de poñer en marcha as súas ideas de negocio.

Esta é a primeira iniciativa deste tipo que se leva a cabo en Cangas, grazas a colaboración do Concello coa Deputación de Pontevedra e a Fundación Incyde, e o resultado foi todo un éxito. Os participantes quedaron moi satisfeitos e dende a organización resaltan a gran participación e aproveitamento das persoas asistentes que lograron elaborar de forma satisfactoria un Plan de Empresa completo, supervisado por especialistas, e  establecer unha estratexia de negocio acorde coas novas tendencias de mercado e a evolución dos hábitos de consumo.

Proba dos bos resultados obtidos é que dos 16 proxectos de creación dunha nova empresa presentados o 40% poderán darse de alta en tan so 6 meses, un 30% nun prazo dun ano e o 30% restante precisa dun estudo posterior.

Estas ideas de negocio enmárcanse no sector da cultura, a hostalería, os servizos, a enxeñería, os negocios web e o comercio.

Berta Pérez  quere destacar o éxito deste curso no noso municipio e afirma que aínda que “Emprender en positivo” chegou ao seu fin a concellería de Emprego segue a traballar poñendo en marcha actividades para que todos os veciños/as que teñan unha idea de negocio a poidan facer realidade.

A próxima cita da “Aula do Emprendedor” será o 29 de abril coa charla “ A Importancia da elección da forma xurídica adecuada para o noso negocio” que dará comezo ás 10.00 horas na Casa de Oficios Lorenzo Cobarcho. Todos os interesados deberán inscribirse na Axencia de Desenvolvemento Local.

5 de abril de 2014 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.