Emotivo homenaxe a Manuel Pérez Grueiro, bibliotecario e coordinador cultural de Neda, pola súa xubilación

Homenaxe ao bibliotecario de Neda
Emotivo. Así foi o acto de homenaxe que onte organizou o Concello de Neda ao que durante os últimos 31 anos foi o bibliotecario e coordinador cultural municipal, Manuel Pérez Grueiro. Unha homenaxe que chega a escasos días da súa xubilación e que o Concello quixo que coincidise coa xornada de clausura da XII edición das Xornadas Literarias de Neda, cita que impulsou o propio Grueiro. Sempre en segunda liña e como persoa dada a poucos actos públicos, a organización da homenaxe foi toda unha sorpresa para Manolo Grueiro. Á chamada do Concello para acompañar ao coordinador da Casa da Cultura acudiron masivamente amigos vinculados ao mundo da cultura pola que tanto traballou Manolo, así como concelleiros e concelleiras das diferentes corporacións ou integrantes do movemento asociativo da vila.
O alcalde da real vila, Ignacio Cabezón Lorenzo, fíxolle entrega dunha placa na que se recoñece o seu intenso traballo no departamento de Cultura e agradeceu e destacou a adicación, empeño e ilusión que sempre puxo en cada proxecto, algúns deles pioneiros na comarca e con sona incluso internacional como as mencionadas Xornadas Literarias ou a Revista de Neda, publicación que forma parte xa da identidade da vila.











