publicidade hoxe

Emítese o informe previo á aprobación incial do PXOM de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRianxo
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación de Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, vén de remitir ao Concello de Rianxo o Informe Previo á Aprobación Inicial (IPAI) do Plan Xeral deste municipio da provincia da Coruña. Neste documento indícanse as correccións e modificacións que se deben introducir no PXOM antes da súa aprobación inicial polo Pleno municipal.

Dende a Secretaría Xeral de Urbanismo sinálase que no informe remitido non se cuestiona o modelo de planeamento que propón o concello, aínda que se solicita a corrección de erros de carácter documental e formais.

Tanto no ámbito de solo urbano como no solo de núcleo rural as modificacións propostas refírense a aspectos puntuais nos que existen incongruencias ou erros nas delimitacións de núcleos rurais e de solos urbanizables en diversos lugares do concello, como por exemplo na rúa Rinlo, así como na categorización das especiais proteccións do solo rústico, en lugares como Palleiro, O Regueiro ou Os Lemos.

En canto ao modelo territorial proposto, a Xunta non pon ningunha obxección e considera correctas as previsións de crecemento da poboación e do número de vivendas plantexados para o período de vixencia do PXOM. Así, o plan prevé, na hipótese de maior desenvolvemento demográfico, un incremento poboacional ata os 13.215 habitantes no ano 2032. Para dar resposta a esa demanda, a previsión que se realiza para os anos 2.016 a 2.032 é de 107 vivendas/ano, un crecemento coherente co ritmo edificatorio entre os anos 2.000 e 2.010, que foi de media de 102 vivendas/ano.

Durante as reunións de traballo que mantiveron responsables da Secretaria Xeral e o alcalde e membros do equipo redactor, así como no escrito remitido, sinálase a importancia de alcanzar neste concello un modelo urbanístico baseado nun crecemento ordenado e en consonancia co Plan de Ordenación do Litoral (POL).

Neste senso o encontro serviu para consensuar criterios, consultar dúbidas e analizar con detalle a totalidade das indicacións recollidas no IPAI e no Informe POL, ambos emitidos simultaneamente o pasado 12 de febreiro, e nos cales se solicitaba ao concello que xustificase debidamente ou clarexase con maior detalle parte das propostas presentadas.

Pasos cara á aprobación inicial

Tras a aprobación inicial do PXOM polo pleno municipal a continuación será exposto ao público durante e meses para a presentación de alegacións. Simultaneamente o concello solicitará as distintas administracións a emisión dos informes sectoriais, os cales son preceptivos e vinculantes.

Unha vez analizadas as alegacións presentadas, as que sexan aceptadas serán incorporadas no documento do PXOM, así como as resultas dos informes sectoriais emitidos. Será a partir deste documento cando o concello presentará unha proposta de Memoria Ambiental que será emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Alcanzada esta fase, o concello xa estará en condicións de aprobar provisionalmente en Pleno o documento e remitilo á Xunta para aprobación definitiva.

Na actualidade, o Concello de Rianxo réxese por unhas Normas Subsidiarias de Planeamento aprobadas en 1985.

11 de abril de 2014 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.