Eloy Tizón participa nunha nova entrega do ciclo Libros en directo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa dunha nova sesión da segunda edición da iniciativa Libros en directo, que se realizará no centro Ágora o vindeiro luns, 21 de abril, ás 20.30 horas, con entrada libre até completar o aforamento. Nesta ocasión, Eloy Tizón presentará o seu libro Técnicas de iluminación.

Con este ciclo, a Concellaría de Cultura pretende traer á cidade aos autores máis relevantes da actualidade editorial para que os lectores poidan coñecer, por boca dos propios escritores, a súa traxectoria vital e creativa, así como os detalles da obra en cuestión.

Eloy Tizón falará con Pedro Ramos sobre o seu libro máis recente, Técnicas de iluminación (Páxinas de Espuma, 2013). Este novo traballo está composto por dez relatos que conteñen un reverso de sombra, un vértice de silencio, algo que non se nomea directamente pero que é unha invitación ao lector para que se mergulle e participe na construción do sentido; para que interveña na estraña normalidade deste dez soños e poida atopar un pouco de claridade ou un lapicero contra a desdicha. Páxinas que resplandecen con luz propia.

Libros en directo, grazas á súa periodicidade mensual e a calidade dos autores invitados, conseguiu o curso pasado situar A Coruña no mapa estatal das presentacións de libros e consolidar o centro Ágora como o espazo de referencia para as actividades literarias de gran nivel, así como satisfacer a curiosidade do amplo espectro de lectores que existe na cidade.

Nesta liña, outra das novidades para esta nova tempada é a elaboración dun díptico onde se resumirá a traxectoria dos autores invitados, acompañada dalgúns fragmentos da súa obra. A distribución deste material farase, inicialmente, nos clubs de lectura e nas bibliotecas municipais, centros sociais da cidade ou calquera outra entidade que o solicite e, posteriormente, no posto de venda de libros que se instale no centro Ágora para cada sesión do ciclo Libros en directo.

19 de abril de 2014 | 11:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.