Economía verde, tendencias en decoración e transferencia do coñecemento na Rede de Innovación de Arteixo
A primeira actividade, prevista entre as 9.00 e as 11.00 horas, trátase do coloquio “A eco-innovación. Novos produtos e servizos no ámbito da sustentabilidade”. O relator invitado, José Francisco Vaamonde Longueira, xerente de Tineo Ingeniería, S.L., explicará como os novos requisitos e esixencias dun mercado e uns consumidores concienciados fan necesario centrar as oportunidades de negocio en ámbitos como a valorización, a reciclaxe, a reutilización ou a economía verde, en xeral. Este coloquio está incluído no itinerario eficiencia enerxética e sustentabilidade dos talleres sectoriais que ata setembro se organizarán no marco da Rede de Innovación de Arteixo.
A continuación, entre as 12.30 e as 14.00 horas, Pedro Fernández, membro da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Decoradores e Deseñadores de Interior de Galicia, impartirá o coloquio “Tendencias en interiorismo: ámbito residencial e comercial”. Ademais de repasar a evolución do sector, debaterá como a aplicación de novas ideas e costumes en sectores complementarios como o da construción proporcionan un valor engadido ás propiedades inmobiliarias. A actividade enmárcase no itinerario dirixido ao sector construción-urbanismo.
A última actividade, incluída no itinerario ferramentas e solucións tecnolóxicas, está dedicada á transferencia de coñecemento entre universidade e empresa. Pilar Pintor, técnico da oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da Universidade da Coruña; e Cristina González, técnico promotor de transferencia de tecnoloxía na Fundación Empresa Universidade dirixirán o panel de expertos denominado “Unindo o quebracabezas da innovación: fórmulas e estratexias de colaboración”. A actividade está prevista de 16.30 a 18.00 horas.
Inscricións online abertas
As inscricións para participar nas tres actividades poden realizarse no email RedInnovacion_Arteixo@eoi.es, no teléfono 981 641 095 ou ben a través do formulario online da web do proxecto. A asistencia é gratuíta.
Todos os talleres terán lugar no Centro Arteixo Innovación (zona deportiva e escolar)
A Rede de Innovación de Arteixo é unha iniciativa de apoio a emprendedores e pemes promovida polo Concello e a Escola de Organización Industrial (EOI), cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.











