Echegoyen e Betanzos en FX e os Alonso en 49er asinan os mellores parciais en Francia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

O tándem galego/cántabro formado por Támara Echegoyen e Berta Betanzos (Movistar) do RCN Sanxenxo/RCM Santander, continua a súa progresión ascendente na Copa do Mundo de clases olímpicas de vela que estes días se celebra na localidade francesa de Hyères. Na segunda manga do día asinaban un excelente primeiro posto parcial resultado que, unido ao seu cuarto na primeira e ao décimo terceiro na terceira, sóbelles até o posto noveno da xeral, un por encima do rexistrado onte martes, empatadas a puntos coas oitavas e a 38 do podio, tendo en conta que aínda restan dúas xornadas de competición nas series finais. As catalás Silvia Roca (Sandiline-Dr. Sails-Harken) do Club Náutic L´Escala e Aura Miquel, do CN Arenys de Mar, son vixésimo sétimas, rubricando outro dos mellores parciais do día na primeira manga, na que foron segundas. O liderado vólveno a recuperar as brasileiras Martine Soffiatti e Kahena Kunze.

En RS:X Feminino Branca Manchón (Nike-Emasesa-Blondy), do Club Náutico de Sevilla, fixo o seu, sacando caste e recuperando postos a pesar de ter a táboa en pésimas condicións tras o golpe sufrido o primeiro día. A sevillana é agora sexta, seis postos por encima do rexistrado tras o segundo día de competición e a 28 puntos do terceiro banzo do caixón. Pilar Lamadrid (Porto Sherry-TFG-Candela Solo Flamenco), do CM Porto Sherry, atópase no 33. Lidera a chinesa Jiahui Wu, por segundo día consecutivo.

En 470 Masculino o Grupo Ouro deféndeno os cataláns Jordi Xammar e Joan Herp, do Club Nàutic Garraf, ás portas o Top Ten da listaxe da xeral, no posto undécimo, dous por encima do que agora ocupan os canarios Onán Barreiros e Juan Curbelo (Grupo Panorama) do RCN Gran Canaria, tamén no grupo dourado, no 13. Jorge Martínez Doreste e Aarón Sarmiento (King Fogar-Gul-Nutribet-Health&Sport), do RCN Gran Canaria, están no 36. Os australianos Mathew Belcher e William Ryan non se apean do liderado desde o primeiro día da regata.

En 470 Feminino (Proxecto Muller e Deporte-CSD/RFEV) a balear Mariña Galego e a murciana Fátima Reyes (Club Nautic Sa Rápita-Illes Baleares) / (Club Nautic S´Arenal), mantéñense no posto 25 da táboa, subindo un banzo a asturiana Ángela Pumariega e a canaria Patricia Canteiro (Coreti-GILL) RC Astur de Regatas / RCN Gran Canaria, ocupando o 28. Cambio novamente na cabeza de lista, coas neozelandesas Jo Aleh e Polly Powrie, vencedoras do recente Sofía de Palma de Mallorca.

En canto ao 49er Masculino os cántabros Diego Botín e Pablo Turrado, do Marítimo de Santander, sitúanse quintos, perdendo unha praza pero empatados cos cuartos a 42 puntos, a tan só un do bronce e a tres da prata da Copa do Mundo. Os irmáns Alonso, tamén dentro do Grupo Ouro, son vixésimo primeiros. Federico e Arturo (O Gaiteiro) do Real Club Astur de Regatas, mantén o mesmo posto desde onte, redondeando a súa actuación en augas francesas cun primeiro na terceira e última manga do día. Os neozelandeses Peter Burling e Blair Tuke, volven ser líderes.

24 de abril de 2014 | 11:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.