Dous intensos meses de ampla oferta cultural estrean a Ourense como Capital da Cultura do Eixo Atlántico
Ourense é a primeira cidade galega en ser Capital da Cultura do Eixo Atlántico, logo das cidades portuguesas de Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. O alcalde Ourense, Agustín Fernández, a concelleira de Cultura, Ana Garrido e o técnico da Concellería, Manuel Freire presentaron esta mañá no salón de plenos as actividades que se desenvolverán en Ourense no marco desta celebración.
Moitas cousas das que se poderán facen en maio e xuño na cidade aparecen recollidas nesta axenda cultural, cunha programación ambiciosa pese ás dificultades económicas e que, grazas á colaboración de diferentes entidades, recolle unha manchea de propostas en todos os eidos, segundo sinalaron os organizadores.
O Eixo Atlántico foi creado no 1992 co apoio da Comisión Europea. Está integrado polas 34 principais cidades de Galicia e Norte de Portugal, constitúese como unha entidade transfronteiriza que supera o ámbito local, urbano e municipal das cidades para reclamar un espazo común no territorio da eurorrexión. Cabe salientar tamén a especial colaboración coa nosa cidade irmá desde 1982, Vila Real, que se volcou desde un principio achegándonos actividades como teatro, música, grupos etnográficos…
Dous meses de actividades que se agrupan en varias etiquetas temáticas como son Feiras, Exposicións, Artes e Festas.
Festa dos Maios
A primeira das actividades destacadas dentro da categoría de festas é a dos Maios, o vindeiro domingo día 4. Está declarada Festa de Interese Turístico desde o ano 2001 e trátase da exposición dos traballos de representación de motivos típicos da nosa cultura, así como as coplas que os acompañan.
Como ven sendo habitual, celébrase un concurso no que poderán participar todas as asociacións culturais, colexios, grupos, colectivos, entidades e calquera persoa que o desexe. Serán en total dúas modalidades, por un lado o dos Maios, que se dividen a súa vez en Enxebre (300 euros de premio) e Artístico (400 euros de premio), e por outro o das Coplas (200 euros de premio). Ademais se establece outra categoría a maiores que é a do Maio escolar (300 euros de premio). Todos os Maios participantes recibirán unha axuda pola participación de 200 euros para os enxebres e de 400 para os artísticos.
No pasado ano houbo un total de 32 Maios inscritos.











