Diego Calvo destaca a Ruta Conserveira como un gran “revulsivo económico” para a provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Conserveiras na provincia da Coruña

Conserveiras na provincia da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, participou hoxe nunha visita guiada polo Barbanza dentro da Ruta Conserveira que xa está en marcha. Tras coñecer de primeira man a iniciativa, Calvo destacou esta nova ruta industrial como un “revulsivo económico” para toda a provincia, xa que chegará a distintas localidades dende Ortegal ata Ferrol e dende Coruña á Costa da Morte, pasando por Santiago e todo o Barbanza.

Este programa trata de ser unha nova oferta de ocio para os turistas, pero tamén para os veciños da Coruña xa que, en palabras do titular provincial, “axudará a ter esa conciencia de pobo, ese orgullo do que temos e do que somos”. “Iniciativas coma esta son as que logran unha maior vinculación da persoa coa súa terra”, insistía Calvo.

Neste sentido, o presidente provincial destacou a importancia dunhas industrias como as conserveiras que concentran en Galicia o 80% dos traballadores do sector en toda España: “Son empresas tradicionais que seguen sendo un referente industrial na provincia e en todo o Estado que lanzan ao mercado produtos de altísima calidade”.

Turismo industrial

Esta ruta, que xa foi presentada polo portavoz provincial en Fitur vén sumarse á Ruta da Construción Naval, que foi a primeira aposta da Deputación polo turismo industrial como alternativa ao turismo tradicional.

E precisamente grazas a esta iniciativa conseguiuse que a cidade de Ferrol fose elixida como sede para o V Congreso Europeo de Turismo Industrial e para o III Crossroad of Europe, que se celebrarán no mes de xuño e traerá expertos de toda Europa nesta nova forma de facer turismo e nas rutas culturais europeas.

Agora, Calvo opina que é hora de sacar partido á Ruta Conserveira: “Xa que temos unha tradición conserveira tan importante, co 50% das empresas de España asentadas en Galicia, temos que aproveitalo”. Ademais, considera que “coñecer quen somos e de onde vimos axudaranos a que as nosas decisións futuras sexan máis acertadas”. 

Primeiros pasos

Na visita de hoxe participaron alcaldes da zona do Barbanza e doutros puntos da provincia por onde está previsto que pase esta ruta e que valoraron a importancia de poñer en valor o patrimonio industrial que teñen as distintas localidades.

Neste senso, o presidente da Deputación agradeceu a todos os participantes neste programa a súa colaboración, no só do sector conserveiro, senón tamén doutras empresas auxiliares como os estaleiros de Boiro que se visitaron hoxe. “Grazas por crer neste proxecto de turismo industrial como cremos nós”, sinalou Calvo, que invitou a máis firmas a unirse a este.

Por último, Diego Calvo animou a todos os coruñeses a participar desta nova iniciativa para coñecer de primeira man a importancia desta industria centenaria e expresou o seu desexo de que funcione tan ben como a Ruta Naval de Ferrol. Para iso, garantiu a colaboración da Deputación en todo o que sexa preciso para o seu éxito futuro.

11 de abril de 2014 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.