Dezasete empresas presentan ofertas para a reforma integral do Parque da Xunqueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O elevado número de ofertas presentadas para a realización das obras de reforma integral do Parque da Xunqueira está a demorar máis do previsto os prazos de adxudicación, xa que os técnicos da Deputación, organismo que se encarga da contratación dos traballos, teñen que avaliar as propostas económicas e técnicas das 17 empresas que concorren ao concurso. O alcalde, Tomás Fole, tivo coñecemento da situación na xuntanza que mantivo recentemente co presidente provincial, Rafael Louzán, para facer seguimento de obras pendentes.

O rexedor lembrou que a reforma integral da Xunqueira é unha obra moi necesaria e demandada polos veciños debido ao deterioro que sufriu o parque nos últimos anos, polo que o desexo do goberno local é que a obra poida executarse canto antes. Maila isto, Fole valorou como positivo que se teña presentado un número tan elevado de empresas, xa que permitirá a administración elixir a oferta máis vantaxosa tanto a nivel económico como de calidade de execución, un asunto tamén importante.

Unha vez se teñan informado todas as ofertas, a Deputación procederá á adxudicación e contratación. Neste senso, o alcalde comentou que nese momento haberá que comprobar se os prazos de execución permiten realizar os traballos sen que afecten ás festas de Santa Rita e San Roque ou establecer un plan de actuación en etapas para tratar de que as obras poidan ir adiantándose aproveitando o bo tempo da primavera e o verán, pero tratando de que non interfiran o fagan o menos posible na celebración dos eventos festivos.

A Reforma Integral do Parque da Xunqueira financiarase a través do Plan de Obras e Servizos da Deputación, contando cun orzamento de 400.000 euros. O proxecto prevé a substitución do actual pavimento do parque, moi deteriorado e levantado polas raíces das árbores, por outro de lousas de pedra granítica nos paseos centrais e de lastro de formigón nos bordos. A obra tamén inclúe a construción de bancadas, dotación de novo alumeado e mobiliario urbano, acondicionamento das canchas deportivas e mellora da ornamentación vexetal.

Caucho na zona infantil

Independentemente dista actuación, en breve comezarase a segunda fase da mellora da zona infantil de xogos. Despois da instalación de firme de caucho e cambio das atraccións e instalacións no recinto máis próximo ao río, agora efectuarse unha actuación similar na zona de enfronte. Esta actuación atópase en fase de licitación e a súa execución será máis inmediata, dando continuidade aos plans do goberno local de modernizar e mellorar os parques infantís do municipio dotándoos de solo sintético.

17 de abril de 2014 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.