Despídese en Pontevedra a terceira edición de Augal coa proxección de ‘O ouro do tempo’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe en Pontevedra a terceira edición de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego que promove en colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, nunha xornada que incluíu a proxección do filme ‘O ouro do tempo’, de Xavier Bermúdez e na que se entregaron os diplomas de asistencia aos alumnos e alumnas participantes.
Completouse así un programa que desde o pasado mes de outubro leva ofrecido un total de sete xornadas arredor de 12 fitas de produción galega nos distintos xéneros audiovisuais, coa intervención nas presentacións e coloquios desenvolvidos de 22 profesionais do sector.
Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández, Augal busca reforzar a formación complementaria sobre a produción cinematográfica galega actual dentro do ámbito universitario. Así, ao tempo que se propicia o encontro dos alumnos de Comunicación Audiovisual con destacados creadores do actual panorama cinematográfico galego, estase a dar visibilidade social á máis recente produción audiovisual en diferentes formatos: desde longametraxes a curtas, webseries, tvmovies e documentais.
De Málaga a Pontevedra
O realizador Xavier Bermúdez foi o encargado de pechar este programa coa presentación da súa última longametraxe, ‘O ouro do tempo’, da que é produtor, guionista e director. Con esta fita, que interpretan Ernesto Chao, Nerea Barros, Manuel Cortés e Marta Larralde, participou na pasada edición do prestixioso festival internacional de cinema de Karlovy Vary (República Checa) e no recente Festival de Málaga de Cine Español.
Tralo visionado comentado da película, fixeron entrega dos diplomas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus da Xunqueira o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, que actuou en representación da Consellería de Cultura e Educación; a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Antonia Blanco; o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, Ignacio Barcía; e o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho; ademais dos profesores coordinadores de Augal.
Oitenta diplomas
Dos 180 alumnos matriculados, foron finalmente 80 os que recibiron o diploma acreditativo do seu paso por Augal, válido como un crédito de libre configuración pola Universidade de Vigo.
Durante o acto, o director da Agadic expresou o seu desexo de que as actividades desenvolvidas no seo de Augal sirvan para coñecer máis e mellor os profesionais do audiovisual galego e os seus produtos; así como para estimular aos alumnos no proceso de incorporación ao sector como futuros traballadores do audiovisual galego.
Remata deste xeito un encontro durante o que os alumnos de Comunicación Audiovisual e os espectadores en xeral tamén tiveron a oportunidade de intercambiar impresións cos creadores –realizadores, produtores, guionistas ou intérpretes, entre outros profesionais– doutros once traballos galegos: ‘La mujer del eternauta’, de Adán Aliaga; ‘Somos gente honrada’, de Alejandro Marzoa; ‘Arraianos’, de Eloi Enciso; ‘Angélica y Roberta’, de Sandra Lesta e Sonia Méndez; ‘Fame’, de Anxos Fazáns; ‘Idiotas’, de Fran Estévez; as series ‘Os contos do Camiño’, ‘Caracois’ e ‘Cocorico’, producidas por Marcos López, de OQO Editora; ‘Camina. La Bella Otero’, de Noel Queipo; e ‘La Bella Otero’ de Chema Gagino.











