Deportes abre o prazo para participar nas actividades de animación da III Maratón Atlántica Coruña42

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Deportes, informa de que está aberto o prazo para participar nas actividades que servirán de animación durante a III Maratón Atlántica Coruña42, que se celebrará na cidade o próximo 27 de abril. Nesta convocatoria poderán participar grupos de música, danza e centros deportivos en formato masterclass.

Os interesados en participar poden descargar a solicitude na web municipal de Carreiras Populares (www.coruna.es/carreraspopulares) e enviala, até o 14 de abril, ao correo electrónico carreraspopulares@coruna.es. A localización dos grupos participantes nesta iniciativa da área que dirixe Francisco Mourelo será determinada pola organización.

Os grupos formarán parte dun concurso popular onde o público que asista ao maratón e os propios deportistas inscritos comporán o xurado. O concurso #AnimaciónCoruña42 desenvolverase en Twitter durante oito días, entre as 08.00 horas do 27 de abril e as 23.59 horas do 4 de maio. Os atletas que participen na proba tamén serán enquisados para coñecer a súa opinión sobre o programa de animación. O tres grupos que reciben máis votos recibirán un premio.

O concurso de Twitter #AnimaciónCoruña42 ten como obxectivo promocionar as actividades programadas con motivo do maratón e avaliar o nivel de satisfacción dos corredores. Para participar neste concurso, é necesario ter unha conta na rede social Twitter, ser seguidores da conta \<sent\>Coruna42 e utilizar nos seus tuits a etiqueta #AnimaciónCoruña42. Entre os usuarios do concurso de Twitter sortearanse dous premios consistentes en dúas entradas para o talaso de Cásaa da auga.

COMPETICIÓN

A III Maratón Atlántica Coruña42 celebrarase na cidade o próximo 27 de abril. O prazo para inscribirse na proba manterase aberto até o 12 de abril con prezos de 35 e 38 euros (con ou sen chip amarelo), e até o día 20 con prezos de 50 e 53 euros. Os desempregados e xubilados terán un desconto do 50% da cota que lle corresponda. Como en edicións anteriores, organizaranse eventos asociados ao maratón, destacando as seguintes iniciativas:

– ExpoRunning. Trátase dun espazo aberto a todos os cidadáns, corredores ou non, no que se reunirán firmas comerciais especializadas no deporte en xeral e o running en particular, para mostrar as últimas novidades en material e produtos; así como nutrición, centros deportivos, servizos médicos, ou prensa especializada. Ademais, completarase a súa actividade cun novo ciclo de conferencias multidisciplinares para todos os corredores e este ano promocionaranse outros eventos deportivos que terán lugar na Coruña e outras cidades durante este ano.

– Ademais, os corredores populares participantes teñen a oportunidade de compartir un adestramento previo cos atletas galegos máis consagrados durante os sábados previos á carreira. Esta iniciativa xa empezou a celebrarse con gran éxito de participación nas dúas primeiras citas. O pasado 22 de marzo, por exemplo, organizouse un adestramento con Andrés Díaz e Paula Mayobre na praza da Cubela.

6 de abril de 2014 | 20:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.