Currás acode aos xulgados para declarar ante a xuíza pola denuncia dun policía local
O alcalde de Santiago, Ángel Currás, chegou aos xulgados compostelanos cunha hora de antelación sobre a prevista, as 10,45, para a súa declaración ante a xuíza Ana López-Suevos, que o citou, xunto a outros tres imputados, para declarar a raíz da denuncia interposta por un policía local por supostos delitos de acoso e prevaricación.
Ante a titular do Xulgado de Instrución número 1 xa pasaron o que foi asesor do exalcalde Gerardo Conde Roa, Ángel Espadas, quen á saída das dependencias xudiciais non quixo facer declaracións, pero si confirmou que respondeu ás preguntas que lle foron formuladas.
Tamén rematou a súa declaración o foi concelleiro de Tráfico, Albino Vázquez, quen confirmou que se acolleu ao seu dereito a non declarar. Para este venres foi citada tamén a que era coordinadora das forzas de seguridade, Mar Hinojosa.
A xuíza titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos, decidiu chamalos de novo (e engadir á causa a Espadas), en calidade de imputados despois de retrotraer o caso a dilixencias previas, tras recibir novas probas derivadas das escoitas no marco da ‘Operación Pokémon’, remitidas dende o Xulgado de Lugo pola instrutora Pilar de Lara.
Tras a denuncia do policía local, a xuíza Ana López-Suevos imputou na causa en xaneiro de 2013 a Ángel Currás, ao exalcalde Gerardo Conde Roa, ao que entón era concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez; e a Mar Hinojosa. A todos eles os acusaba de supostos delitos de prevaricación e acoso moral contra o policía local José Antonio Carril.
Non obstante, en outubro a maxistrada acordou o sobresemento provisional da causa contra o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa e Mar Hinojosa, ao non apreciar neles indicios de delito. En todo caso, mantivo a imputación de Albino Vázquez por un delito de prevaricación.
ESCOITAS DA POKÉMON
Non obstante, no mes de novembro, a raíz da transcrición de conversacións intervidas no marco da ‘Operación Pokémon’, Ana López-Suevos emitiu un auto no que volvía imputar a todos os investigados inicialmente dentro deste proceso, aos que engadiu a imputación do exasesor Ángel Espadas.
No informe da Axencia Tributaria remitido dende Lugo recóllense conversacións telefónicas entre Mar Hinojosa, Anxo Currás (entón xa como alcalde), Albino Vázquez, Conde Roa e Anxo Espadas, quen foi cazado ao volante durmido e ebrio, e a quen o exconcelleiro lle deu a encomenda de chamar para presentar a denuncia “anónima” contra Carril.
De feito, as “presións” para facer desaparecer o atestado policial de Ángel Espadas e a negativa do axente policial a cumprir esa orde foi o que, segundo o denunciante, motivou o suposto acoso que recibiu no seu traballo.











