publicidade hoxe

‘Cultura no Camiño 2014’ achega as representacións teatrais a Portomarín, Begonte, Sober e Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBegonteLugoLugoPortomarínSober
A-
A+

A Xunta de Galicia abre a próxima semana a programación da segunda edición do circuíto Cultura no Camiño na provincia de Lugo. Este programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a axencia Turismo de Galicia, conta coa colaboración de 18 concellos lucenses polos que transcorren as diferentes rutas do Camiño de Santiago, nos que se desenvolverán 80 actuacións de teatro, danza, música, maxia e novo circo.

Portomarín será o próximo domingo o punto de arranque para as propostas escénicas de Cultura no Camiño, un programa que se enmarca na conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. A obra teatral Errantes servirá como inicio da programación. Estar obra teatral será interpretada por Troula Animación na praza Conde de Fenosa da localidade a partir das once da noite do vindeiro día 20 de abril.

Ao día seguinte, a casa da cultura de Begonte tomará o relevo para continuar con este programa promovido polo Executivo galego. Nesta ocasión, o grupo A trastenda dos contos interpretará a obra de teatro infantil Coas mans na masa a partir das cinco e media da tarde do devandito día 21.

Estas primeiras actividades na provincia de Lugo complétanse no eido teatral con senllas funcións infantís que terán lugar no CEIP Virxe do Carme de Sober -A lingua a p(l)hacer, de A trastenda dos contos, ás doce do mediodía do mércores día 23- e no Museo Interactivo da Historia de Lugo -4 tempos, de Teatro do miolo, a partir das 17.15 horas do xoves día 24-.

A carteleira de Cultura no Camiño na provincia lucense para este mes de abril complétase cun espectáculo de maxia –Atrapado na torre, de Chrystyan Magic- que terá lugar no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro do municipio de Barreiros a partir das sete da tarde do día 27 de abril.

Colaboración privada

Coordinado por Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e en colaboración con Turismo de Galicia, Cultura no Camiño 2014 conta tamén co patrocinio de Gadis. Esta edición incrementa nun terzo o número de municipios lucenses participantes respecto da súa anterior edición celebrada no ano 2013. No conxunto da comunidade, un total de 81 concellos acollerán as 323 actuacións que se desenvolverán a través desta iniciativa.

O programa supón, en consecuencia, a vertebración dun novo e extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas a través de concellos situados nas diferentes rutas xacobeas, que na provincia de Lugo vense representadas con catro vías: Camiño Francés, Camiño de Inverno, Camiño Primitivo e Camiño do Norte.

16 de abril de 2014 | 13:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.