Cuarta sesión de Ponte a Londres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os colexios CEIP de Xeve, CEIP de Lérez e o de Parada-Campañó celebran mañá as cuartas sesións presenciais de Ponte a Londres de acordo cos seguintes horarios: das 9.00 ás 10.30 horas no CEIP de Xeve , das 11,00 ás 12.30 horas, no CEIP de Lérez e das 13.00 ás 14.30 horas, no CEIP de Parada-Campañó.

Nesta cuarta sesión, “imos gravar e documentar”, os grupos que participan na actividade farán gravacións de micro-vídeos sobre os aspectos ou temas que decidiron na sesión anterior. Neste último mes, os rapaces e rapaces traballaron e ensaiaron o que se gravará mañá, e algúns ata fixeron gravacións nas súas casas sobre aspectos cotiáns para compartir cos participantes do colexio Cañada Blanch de Londres. Estas gravacións, xunto con todo o material audiovisual recollido ao longo do proxecto, formarán parte do vídeo final que se presentará na sesión “estrea mundial” de maio.

O blog é un elemento transversal que se actualizará periodicamente co material xerado nas sesións, máis nesta sesión traballarase conxuntamente para a montaxe do documental.

Ponte a Londres é unha iniciativa innovadora para dinamizar o uso da lingua galega a través de conversas e narración multimedia entre escolares de 5º e 6º de primaria dos CEIP Lérez (33 alumnos/as), Xeve (38 alumnos/as) e Campañó (13 alumnos/as de 6º); coa colaboración do colexio español Cañada Blanch de Londres.

Desde o mes de xaneiro as distintas actividades do programa impulsan o galego como lingua de comunicación entre o alumnado e axuda aos nenos e nenas de Pontevedra a valorar a lingua galega como lingua de comunicación. Tamén se incentiva a reflexión de que o coñecemento, o uso e a valoración do galego é unha fonte de riqueza lingüística e de identidade que abre as portas a un universo infinito de coñecementos e á comunicación con moitos países fóra de Galiza.

Ponte a Londres é un proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural virtual, construtivo e colaborativo arredor da lingua galega, onde rapaces de Pontevedra e Londres poden intercambiar e construír experiencias da vida cotiá no seu ámbito, así como coñecer outros xeitos de vida, tendo como elemento motivador a normalización da lingua galega.

23 de abril de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.